A Mostra de artesanía en vivo do Castelo de Vimianzo seguirá en marcha
Segue O museo de artesanía en vivo do Castelo de Vimianzo máis activo que nunca. O alcalde do Concello de Vimianzo asinaba onte os convenios da Mostra de artesanía en vivo da que un verán máis poderán gozar as persoas que visiten o Castelo de Vimianzo.
Esta actuación é posible grazas a un convenio de colaboración coa Deputación da Coruña. A Mostra de artesanía en vivo poderase visitar até o 15 de setembro todos os días en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30. Despois do 15 de setembro haberá artesáns que continúen todo os días e outros só nas fins de semana.
As persoas que se acheguen poderán observar o traballo e mercar produtos de olaría, maquetas de barcos, cestos, vidro e xoiaría, coiro, encaixe de Camariñas e liño.
Tanto o alcalde coma os distintos artesáns fixeron fincapé na importancia de dinamizar o espazo do Castelo mediante as actividades artesanais e de ampliar a presenza desta mostra de artesanía máis aló das datas estivais.
As distintas actividades de dinamización que se desenvolven no espazo do Castelo fan del un referente turístico e cultural para toda a Costa da Morte. Boa mostra deste feito son os milleiros de persoas que o visitan durante todo o ano.
Novas relacionadas
- O museo de artesanía en vivo do Castelo de Vimianzo.
- Cales son as 7 marabillas arquitectónicas da Costa da Morte?.
- 10 artesáns da Costa da Morte manteñen vivo o Castelo de Vimianzo.