luns. 20.04.2026
El tiempo

Carme Ayala xa ten o selo Artesanía de Galicia: “A artesanía paréceme arte de convivencia, que sae dos museo para meterse nas casas"

  • Faino dende a casa: “Facelo dende aquí significa para min traballar dende o pequeno e reivindicar o rural como lugar válido para a práctica creativa”. "A min, persoalmente, o rural só me está dando ventaxas".
Carme Ayala ceramica contemporanea de Brens-Foto-Carmen Cerviño 1
Carme Ayala no seu taller de Brens. Fotos: Carmen Cerviño
Carme Ayala xa ten o selo Artesanía de Galicia: “A artesanía paréceme arte de convivencia, que sae dos museo para meterse nas casas"

Dende o seu taller de Brens, coa súa cota de autónoma actualizada, a súa produción máis que viva a artesá ceense vén de conseguir o selo Artesanía de Galicia, que paso que afianza o seu proxecto de vida arredor da cerámica contemporánea.

Falamos con Carme Ayala.

  • De onde vén o teu amor pola cerámica?

A min gústame facer cousas coas mans dende pequena. Pintaba, cosía, facía pulseiras con abalorios… En bacherelato decanteime polas artes e logo estudei Creación e Deseño na Universidade do País Vasco, alí dinme conta de que sentía máis atracción cara as artesanías que cara as artes puras. A artesanía paréceme arte de convivencia, que sae dos museo para meterse nas casas. Xa viña de traballar uns veráns nun taller artesán en Carnota, e ver que se podía vivir desto reafirmoume. Cursar na universidade a asignatura de cerámica acabou por convencerme de todo.

  • Cando te decides por montar o teu propio proxecto artesán e empresarial?

Eu creo que hai certos oficios nos que unha ten que buscarse a vida pola súa conta e o caso das artes e as artesanías é un deles. Ao acabar de estudar busquei traballo e vin que non había moito para min, é moi raro que un artesán necesite axuda no taller, adoitan ser proxectos pequenos, así que en 2024 fíxenme autónoma e empecei a dar clases de cerámica na Asociación Deportiva e Curltural de Brens. Está sendo unha experiencia súper bonita e traer actividades artísticas e culturais ao sitio onde nacín gratifícame moito, as alumnas son perfectas. Agora que as clases están asentadas e van ben, decidín dar o seguinte paso, solicitar o selo de Artesanía de Galicia. Estou actualmente traballando nunha tenda online onde poder comezar a vender todas as pezas que facía no meu taller como parte dunha experimentación persoal e ás que non estaba dando saida. Espero que poida estar en funcionamento moi pronto.

  • Pódese vincular o que fas co que fan os oleiros de Buño ou é, digamos, outra arte, outra liña?

Non, para nada. Aínda que teño moi presente a tradición, o que eu fago non ten nada que ver. Creo que as miñas pezas encaixan mellor na rama da cerámica contemporánea.

  • Emprendes na túa terra ademais, como unha demostración de compromiso e reivindicación do rural. Atopas algunha dificultade extra polo feito de facelo dende a periferia?

Todo o contrario. Penso que no rural hai moito por facer. En canto as clases, por exemplo, nas cidades existen xa locais onde poder experimentar co barro ou otras disciplinas, mentres que ao rural temos moito que ofrecerlle. Eu impártoas nas instalacións dunha asociación cultural das que hai en practicamente todos os concellos, a proposta foi super benvida.
En canto ao meu traballo persoal, teño un taller pequeniño na casa familiar, sitio para un forno, oportunidade de construír outros de gas e utilizalos no xardín, espazo para almacenar material… Esto sería imposible se vivise nun piso, tería que pagar por un espazo e hoxe en día son caros e difíciles de encontrar. A min, persoalmente, o rural só me está dando ventaxas.

  • Que outras dificultades, como artesá e como autónoma, vas atopando?

Eu creo que a principal é que ao final é un camiño un tanto solitario. Ninguén che di moi ben que debes facer en cada momento nin cómo. Vas aprendendo cousas a base de proba e erro. Como se prepara un temario? Como se pon un prezo? Son cousas que unha vai tanteando e vendo. Eu teño a sorte de que os meus dous pais son autónomos tamén e para min son un referente e unha guía.

  • Como poderían axudar as administracións ás pequenas emprendedoras coma ti?

Eu creo que un maior asesoramento e unha formación económica sería importante, como decía antes, unha vai aprendendo sobre a marcha e certas cousas non son fáciles. Son ferramentas que non se che dan na carreira. Normalmente emprender non adoita ser unha opción que se prantexa mentras estudas, polo menos na miña rama.

Carme Ayala ceramica contemporanea de Brens-Foto-Carmen Cerviño
Fotos-Carmen Cerviño
  • Fas sobre todo decoración, elementos de menaxe, parece que moi achegados á tradición e á terra, non?

Eu non considero que o que faga esté achegado á tradición, nin os materiais, nin as técnicas, nin a decoración… Como dixen antes, creo que a miña obra é contemporánea. É un erro común confundir todo o que está fóra da periferia con tradicional, asociar o que pasa no rural con cousas estancas, co que se fixo sempre. Pódese innovar e ser experimental fora das escenas urbanas, creo que é importante que iso se saiba para que a xente se anime e non vexa as cidades como única opción de “progreso”.

  • Tamén debuxas e teces.

Si, aínda que agora estou moi centrada na cerámica gústame facer outro tipo de cousas e intento non olvidarme de facelas. Sempre crín que hai moita riqueza na interdisciplinaridade, os saberes extrapólanse dunhas maneiras de facer ás outras, tanto técnica como intelectualmente.

Comentarios