O Asalto ao Castelo premia aos mellores traxes medievais e ás fachadas mais singulares
19:14 07/06/16
O día do Asalto ao Castelo, 2 de xullo, haberá un desfile de vestidos e traxes medievais na praza do Concello de Vimianzo
Cada ano son máis os veciños e veciñas de Vimianzo os que se involucran na festa do Asalto ao Castelo. Por eso, unha vez máis, a organización quere premiar este traballo co que se traslada a vila ata o século XV. Deste xeito, haberá premios tanto para os mellores vestidos e traxes como para as fachadas máis singulares, diferenciando este ano os comercios e locais non hostaleiros das vivendas particulares.
Concurso de traxes
Cada ano o número de veciños e visitantes que se visten ao xeito da época vai en aumento. Este ano impulsarase a creación dun concurso para o mellor traxe ou vestido medieval. Valorarase a orixinalidade, o esforzo e tamén a adecuación ao estilo do século XV. As persoas que concursen terán que mostrar os seus vestidos e traxes o sábado 2 de xullo, na propia festa, ás 18:30 na Praza do Concello. Tralo desfile o xurado, relacionado coa materia, deliberará sobre os galardóns. Entregarase un pequeno detalle.
Os interesados en participar no Concurshow deberán enviar unha mensaxe ao facebook do Asalto ao Castelo ou ao correo electrónico - [email protected] -xa que é precisa a inscrición previa.
Concurso de Fachadas para comercios e vivendas
Fachada gañadora do concurso da pasada edición
Alén da propia decoración medieval das rúas que prepara a organización, e a dos bares que participan nos pinchos irmandiños, é de vital importancia a colaboración dos vimianceses para decorar as fachadas e locais. Na convocatoria do IV Concurso de fachadas, vista a demanda de anos anteriores, premiaranse por unha parte as vivendas e por outra os comercios engalanados.
"As fachadas deberán estar engalanadas, como mínimo, venres 1 e sábado 2 de xullo. Recoméndase que as fachadas luzan decoradas durante toda a semana da festa" recalcan dende a organización. No concurso pode participar calquera casa, piso ou baixo comercial da vila de Vimianzo, quedando só excluídos os locais hostaleiros - bares, restaurantes e pensións -. Unha mesma fachada pode ter distintos concursantes.
O prazo para presentarse ao concurso remata o mércores 29 de xuño. A inscrición formalizarase enviando un correo a [email protected] no que debe constar: nome e apelidos do/a concursante, teléfono, enderezo exacto da fachada (ou piso) coa que participa.
Premios
O xurado - que se fará público en tempo e forma - escollerá, en decisión inapelable, dous premios para as vivendas. O primeiro consistirá nun vale de compra por valor de 50 € e o segundo nun menú castrexo para dúas persoas. Entre os comercios e outros establecementos non resisdenciais tamén haberá dous premios. O primeiro consistirá nun menú medieval para dúas persoas e o segundo nun menú castrexo para dúas persoas.
A organización establece que o concurso pode quedar deserto se o xurado considera que as fachadas presentadas non presentan calidade suficiente. A decisión do xurado farase pública durante o propio sábado 2 de Xullo, ás 19:15 horas na praza do Concello. Posteriormente tamén se publicará o resultado nas redes sociais.
¡¡Lume Irmandiños!!
Novas relacionadas
- Asalto 2016: Os irmandiños presentan o cartel do XXI Asalto ao Castelo
- Asalto 2016: Póñense á venda as primeiras entradas para a Cea Medieval do Asalto
- Asalto 2016: Ábrense as inscricións para a VI feira artesanal do Asalto ao Castelo
- Asalto 2016: Os hostaleiros de Vimianzo prepáranse para os pinchos irmandiños
- Asalto 2016: O Asalto ao Castelo quece motores cunha reunión organizativa
- Asalto 2015: O XX Asalto ao Castelo 2015, xa no youtube.
- Asalto 2015: A representación teatral reivindica a singularidade dos 20 anos do Asalto ao Castelo.
- Asalto 2014: Os rollos da Marquesa; gañador dos pinchos irmandiños do Asalto ao Castelo de Vimianzo.
- Asalto 2013: Asalto ao Castelo, a traca final (en vídeo).
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Asalto ao Castelo