Unha ruta para conmemorar os 20 anos de loita polos Penedos de Pasarela e Traba

O 11 de xuño de 2006 máis de 300 persoas, convocadas polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) e outras asociacións, participaban nunha marcha reivindicativa baixo o lema "Salvemos os Penedos!", para opoñerse á canteira que ameazaba esta paraxe natural única en Galicia, e coa intención de protexela, solicitar declarala monumento natural. Foi este un punto de inflexión dunha loita pola salvación dos Penedos de Pasarela e Traba, iniciada xa no ano 1997 pola asociación Adiante Soneira, e que tivo que ser retomada en máis ocasións, pois a pesar de que se logrou parar a canteira, e que os Penedos fosen declarados Paisaxe Protexida o 12 de xaneiro de 2009, as ameazas continuaron cos proxectos para instalar en 2019 os parques eólicos de monte Chan e Pena dos Mouros. 

Parece que este espazo natural único vive baixo a continua ameaza do mal entendido progreso, e nin a aprobación do Plan de Xestión da Paisaxe Protexida 15 anos despois da declaración parece servir para algo.

Neste vindeiro mes de xuño cúmprense 20 anos daquela marcha histórica e, desde o Seminario de Estudos Comarcais, convida a veciñanza a particupar nunha Ruta conmemorativa.

A cita será o sábado 6 de xuño. O lugar de partida será a Escola de Pasarela, ás 10.30 horas para dar comezo á ruta. Antes do inicio da camiñada entregaráselle aos asistentes un exemplar do libro "Vinte anos de loita polos penedos de Pasarela e Traba", e quen o desexe, tamén poderá adquirir unha camiseta alusiva a esta actividade. Unha vez finalizada a ruta, haberá un pequeno acto conmemorativo ao pé da Pedra Multiforme. Recoméndase levar comida para realizar un xantar de confraternidade nesta paraxe única ao rematar o acto.

Máis novas dos Penedos