Segunda batalla vencida polos Penedos: Declaran desfavorable a DIA do Parque Eólico Monte Chan

Onte a Xunta denegaba a Declaración Ambiental do Parque Eólico de Soesto, un dos 3 (o máis pequeno) que ameazan os Penedos de Traba e Pasarela. No DOG de hoxe, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climátic vén de considerar “desfavorable” hoxe a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de P.E. Monte Chan, outro dos que afecta aos Penedos, entre Vimianzo, Laxe e Camariñas.
Trátabase dun proxecto de EDP Renovables España, S.L.U. que pretendía instalar 10 aeroxeneradores situados xusto enriba da Lagoa de Traba.
A Declaración recoñece o completo informe emitido polo Concello de Vimianzo sobre a afectación aos Penedos, e recolle as alegacións presentadas por 14 entidades e 915 particulares, demostrando que cando a sociedade se mobiliza, consegue o que se propón.

Queda pendente a batalla social da aprobación ou non do P.E. Pena dos Mouros, con 7 viraventos de máis de 200 metros de altura, entre a lagoa de Traba e Camelle, que tamén afecta ao espazo natural dos Penedos.
Ademais, no medio destas negativas a Xunta vén de aprobar outros dous proxectos que afectan á mesma zona como son os de Bustelo-Baralláns e Monte Agrelo-Muriño.
Máis novas sobre Eólicos
- Marzo 23: A Xunta denega o Parque Eólico de Soesto pola afección aos Penedos.
- Galicia rodeará a Xunta en contra da invasión eólica o vindeiro 23 de abril.
- Carta a un irmán: "Eólicas, así non”.
- PE Monte Chan: Adiante Vimianzo e BNG presentan alegacións ao PE Monte Chan por afectar á Paisaxe Protexida dos Penedos.
- PE Monte Chan e Pena dos Mouros: A veciñanza de Laxe denuncia dous proxecto eólicos sobre Laxe, Camelle e Vimianzo.