Vimianzo celebra 10 anos de Muiñada interxeracional con dous dias de festival

Este luns presentouse o programa no muíño da Agra, con, de esquerda a dereita: Ángel Mourelle, de Paracetafolk; Nieves Lema, técnica do departamento de Cultura do Concello de Vimianzo; Mónica Rodríguez, alcaldesa do Concello de Vimianzo; Manuel Rial, da Asociación Cultural Cherinkas; Rosa Blanco, concelleira de Cultura, Patrimonio e Biblioteca do Concello de Vimianzo; Pablo Castro, da Asociación Cultural Trubisquiña.
  • Xa están á venda as entradas en woutick para Ringorrango, A Banda das Crechas, Omiri e Bouba

10 anos cumpre xa Muiñada de Vimianzo, que pouco a pouco vai afianzando o seu valor de ponte entre xeracións. Porque esta festa armada dende un comezo pola mocidade da vila, a irmá "tradi" do Asalto, consegue que os valores máis lonxevos a auténticos das nosas sociedades rurais, sexan espazos de moda para a rapazada.

Este 2025, para celebrar a efeméride, a organización (as asociacións Cherinkas e Trubisquiña) decidiu ampliar o festival unha noite máis: celebrarase o venres 17 e sábado 18 de outubro.

Unha fin de semana xa esperada que contará con ruta de sendeirismo teatral, foliada, concertos, gastronomía tradicional, xogos, o afamado campionato de debullada de millo, visitas teatralizadas e obradoiros  completan o intenso programa que se vivirá nos muíños do Val de Vimianzo.

A gran Noite do venres

Unha noite non é nada, di o famoso cantar, e así é que a Muiñada se amplía á noite do venres con dous concertos: Paracetafolk, grupo da Costa da Morte recoñecido como Mellor Banda Emerxente nos Premios Martín Códax da Música 2025; e Benofán Charanga, chegados desde Teo, e que deixarán a noite aberta á foliada libre con algunha sorpresa.
A noite do venres terá lugar no muíño da Agra, con entrada gratuíta. 

Ruta teatral

O sábado comezará cunha renovada Ruta teatral por Sanfíns. Un percorrido circular guiado por David Roget, por esta aldea da parroquia de Cambeda na que se conservan singulares elementos de valor etnográfico. Hai prazas limitadas, polo que é obrigatorio inscribirse en cherinkas.org aínda que só coa xente da casa é posible que xa estean esgotadas.

Os muíños, os protagonistas

Ao mediodía, a festa trasládase ao muíño da Gándara, onde se celebra a Sesión Vermú nunha contorna de gran beleza paisaxística. Dende Tordoia, as Bouba poñerán ritmo coas súas voces e percusión aos grolos e “petiscos do muíño”, a partir das 13h30.

Despois de xantar xa toda a actividade se centra no muíño da Agra, onde haberá dous palcos diferenciados, o do Tarabelo, onde se concentra a actividade da tarde e serán de entrada libre e gratuíta, e o da Maquía, a noite de concertos, para a que é preciso adquirir entrada.

Tarde de millo

A partir das 5 da tarde abrirase o Muíño cos Xogos do Millo, unha exposición retrospectiva fotográfica dos 10 anos de Muiñada, e con Visitas Teatralizadas, revivindo os tempos nos que os muíños funcionaban, da man da mocidade vimiancesa. 

“Pra bailar, Carantoña” será un obradoiro de baile dirixido por Pablo Castro no que o público terá a oportunidade de aprender algúns puntos recollidos nesta parroquia vimiancesa. 

Pouco despois, terá lugar un dos momentos clave do programa, o campionato de debullada de millo, onde novos e vellos compiten por ver quen quita os grans das espigas de millo máis rápido. 

A música xa non se deterá a partir das 19h, coa foliada que reunirá diferentes grupos que irán subindo ao Palco do Tarabelo durante máis de dúas horas de música tradicional á beira do Muíño da Agra. Durante a foliada prepararanse filloas á pedra e servirase a Cea tradicional, tamén con opción vegana, onde a fariña non podía faltar como ingrediente principal. Aproveitando o décimo aniversario, ademais, volverá haber a oportunidade de probar as famosas papas de millo. 

Noite de concertos con entrada

Ás 22h a festa trasládase ao Palco da Maquía, con entrada de pago, para asistir á noite de concertos. “Será unha Muiñada especial, na que por primeira vez reunimos unha selección de música de raíz dos pobos do noroeste ibérico” explicou Manuel Rial, da AC Cherinkas, entidade organizadora da festa.

Xa desde a primeira edición se incluíra música de Portugal, con Sebastião Antunes, e nesta edición ademais do pobo irmán do sur, virán desde Zamora o grupo Ringorrango. Unha oportunidade para gozar desta banda que toma a voz como principal instrumento, acompañada por percusión pura.

Seguirá a noite un clásico da música tradicional galega: a Banda das Crechas, que desde Santiago de Compostela, reúne algúns dos mellores músicos do país. Fecha a noite OMIRI, o proxecto do lisboeta Vasco Ribeira Cascais que reinventa a tradición con recollas de vídeo manipuladas para ser a base da súa composición e improvisación musical.

 

Colaboración

Por outra banda, até o venres 10 de outubro, estará aberto o prazo para toda aquela persoa que queira participar como voluntaria. Para facelo debe poñerse en contacto a través de facebook (@accherinkas) ou instagram (@muinhada.vimianzo).

A festa, sen ánimo de lucro, está organizada pola Asociación Cultural Cherinkas, coa colaboración do Concello de Vimianzo e patrocinio da Deputación da Coruña, e conta coa axuda e participación doutros colectivos como a AC Trubisquiña. Ademais, a organización agradece inmensamente o apoio e axuda da veciñanza na realización desta festa. 

Máis novas