venres. 08.11.2024
El tiempo

Vimianzo dá a coñecer dúas fermosísimas rutas cheas de fervenzas e petróglifos

Ruta polos Segredos do Val de Vimianzo
Ruta polos Segredos do Val de Vimianzo
Vimianzo dá a coñecer dúas fermosísimas rutas cheas de fervenzas e petróglifos

Petroglifos, fervenzas, miradores, meandros… O Concello de Vimianzo quere poñer en valor os seus recursos patrimoniais, arqueolóxicos e naturais e fíxoo co acondicionamento e sinalización de dúas novas rutas: ‘Os Segredos do Val de Vimianzo’ e ‘As Fervenzas e Muíños do Río Cambeda’.

Presentando os petroglifos de Vimianzo
Onte realizaban a presentación a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; a alcaldesa Mónica Rodríguez; David Roget, veciño e descubridor de doce petróglifos, e o técnico de deportes, Víctor Santos

Destacaron que “é a primeira vez que se realiza unha tarefa de sinalización desta envergadura, que repercute en máis de 20 puntos de interese patrimonial.

A ruta de ‘Os Segredos do Val de Vimianzo’ presenta un trazado circular don inicio e remate na praza do Concello e inclúe, no seu percorrido, a ruta das ‘Fervenzas e Muíños do Río Cambeda’.
A primeira, presenta un desnivel de subida e baixada de 145 metros, unha distancia de 14,4 quilómetros e está previsto que se poida completar en 3 horas e 55 minutos. A segunda, contemplada dentro da primeira, ten un desnivel de subida e baixada de 125 metros e unha distancia de 3,6 quilómetros.

Trátase dun traxecto moi variado e atractivo, que mestura tramos urbanos, de monte e de río. Ao longo do seu percorrido poderanse observar as múltiples estacións de petróglifos descubertas polo veciño David Roget, a Cruz do Loureiro, o Pazo de Trasouteiro, a alvariza de Sansobre, a fervenza do Rego de Cubes, a Casa da Serra, a igrexa de Cambeda e as fervenzas e muíños do río Cambeda.

ruta de sendeirismo por Vimianzo
Petroglifos de Vimianzo

Fervenzas do Rio Cambeda en Vimianzo

A alcaldesa quixo agradecer “a todo o persoal implicado neste proxecto, sobre todo ao técnico de Deportes, Víctor Santos; o mozo David Roget, o colectivo A Rula (polas imaxes dos petroglifos) e o alumnado do obradoiro de carpintaría, sin os que non sería posible contar cun dos que, agardamos, se converta nun dos principais atractivos da Costa da Morte’, subliñou.

O técnico de Deportes, Víctor Santos, destacou o descubrimento de todos estes tesouros “dos que tiñamos apenas novas’, e agradeceu o traballo de Manuel Rial, técnico de Turismo, que contribuíu tamén ao desenvolvemento deste roteiro.

Por último, David Roget, o mozo vimiancés que descubriu ata doce petróglifos, declarou que ‘Vimianzo ten de sempre un patrimonio impresionante, pasando pola prehistoria, o medievo e a Idade Moderna e sin dúbida que as rutas que hoxe presentamos é o primeiro paso para que o noso municipio sexa referencia en toda Galicia’.

Rutas de Vimianzo-wikiloc

Comentarios