martes. 18.03.2025
El tiempo

Vimianzo lembra á activista Trini Falcés polo 8M

VIMIANZO - RELEMBRANDO A TRINI
VIMIANZO - RELEMBRANDO A TRINI
Vimianzo lembra á activista Trini Falcés polo 8M

Despois de pasar por Corcubión, a exposición ‘Relembrando a Trini’ aterra na Casa da Cultura de Vimianzo, co gallo do 8M, Día Internacional da Muller. A inauguración terá lugar o vindeiro 7 de marzo ás 19:00 horas.

A mostra, que poderá visitarse ata o día 27 de marzo e está promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, é unha homenaxe a Trinidad Falcés, muller trans nada na Coruña que foi unha grande referente na loita do colectivo LGTBIQA+. Falecida en 2022 aos 80 anos de idade, estivo presa nun campo de concentración pola súa realidade como persoa cuir.
Son moitos os fitos que a levaron a ser un dos grandes exemplos do colectivo, entre eles estar presente en 1977 na primeira marcha LGTBIQA+ que se organizou en España.

O proxecto está dirixido e coordinado pola artista Sergio Marey, que ten o obxectivo de mantela na memoria e evitar que caia no esquecemento “para min este proxecto é un xeito de continuar co labor que levo facendo coas miñas últimas creacións. Trini é un proxecto de investigación, pero tamén de creación. Está a facer mella na miña conciencia. Para min cambiou totalmente a perspectiva de moitas cuestións que xa estaban presentes, como a realidade trans ou o exilio”, explica.

A exposición permite facer un percorrido arredor da súa figura e está chea de obxectos que pertenceron a Trini e que definen a súa vida: o traxe que puxo nunha homenaxe, documentos como entrevistas cando era prostituta ou cando foi encarcerada, o documento do seu ingreso en prisión ou a bixutería que lle gustaba usar. Son obxectos que permiten construír unha imaxe de Trini e o que ela significou, tanto no activismo como na súa vida privada.
O día da inauguración tamén se presentará o libro ‘É mellor loitar que morrer de fame’, que versa sobre a súa historia e foi escrito, tamén, por Marey. 

Comentarios