sábado. 04.07.2026
El tiempo

Os Quinquilláns volven contar a historia do Castelo de Vimianzo nas súas marabillosas visitas teatralizadas

Os Quinquilláns volven contar a historia do Castelo de Vimianzo nas súas marabillosas visitas teatralizadas

Mentres Vimianzo Asalta o Castelo, a fortaleza medieval pensa xa na nova edición das visitas teatralizadas, unha das actividades incluídas na programación da Mostra de Artesanía en Vivo, que se celebra cada verán na fortaleza.

Da man da compañía Os Quinquilláns, referente no teatro de rúa e na divulgación do patrimonio en Galicia, o público poderá descubrir a historia do Castelo de Vimianzo a través dun percorrido dramatizado que combina interpretación, humor e rigor histórico, facendo da visita unha experiencia participativa e accesible para todos os públicos.

As visitas xa comezan este domingo 5 de xullo, e continúan os domingos 12, 19 e 26 de xullo; 2, 9, 16, 23 e 30 de agosto; e 6 e 13 de setembro, con dúas sesións diarias, ás 12.30 h e ás 17.00 h.

A actividade é gratuíta, con inscrición previa a través dsta ligazón e está dirixida a persoas adultas e menores acompañados.
As visitas teatralizadas constitúen unha das propostas máis consolidadas da programación estival do Castelo de Vimianzo, ofrecendo unha forma diferente de coñecer a historia da fortaleza e contribuíndo á divulgación do patrimonio cultural da Costa da Morte.
As prazas son limitadas, polo que se recomenda realizar a inscrición con antelación.


Comentarios