Martes. 16.07.2019
El tiempo

8 meses esperando a resolución do grao de dependencia

8 meses esperando a resolución do grao de dependencia

Varios veciños do concello de Zas levan máis de oito meses agardando a que se valore o seu grao de dependencia. Unha longa espera que supón ademais un incumprimento da lei por parte da Administración galega, que coloca en 6 meses o prazo máximo para resolver os expedientes de valoración de dependencia.

De aí que o Concello tome cartas no asunto, e o seu alcalde, Manuel Muíño Espasandín, queira denunciar os casos particulares de tres veciños. O rexedor critica os retrasos da Xunta e lamenta os graves problemas que esta agarda está a provocar aos solicitantes, que se ven privados dun servizo imprescindible para a súa vida cotiá. Muíño é consciente de que esta situación se estende ao resto dos municipios galegos, que son encargados de facer os trámites deste programa xestionado pola Consellería de Política Social.

Lista de espera no SAF

A deficiente xestión que se está a facer desde a Xunta de Galicia en materia de dependencia esténdese tamén ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xa que o número de horas que ten asignadas o Concello de Zas son insuficientes para atender a todas as persoas dependentes que xa teñen aprobadas as prestacións.

O número de usuarios/as medrou de forma significativa nos últimos anos, e aínda que no último ano o número de horas para a dependencia aumentou no Concello de Zas nun 51%, as case 27.000 horas das que dispoñemos non cobren todas as prestacións aprobadas. “A lista de agarda que hai hoxe no Concello de Zas en dependencia é provocada pola Xunta de Galicia xa que concede horas aos dependentes, pero non aumenta as horas que ten asignadas ao concello para que este poida prestarllas a eses dependentes. Confundindo deste xeito aos usuarios, que pensan que xa poden desfrutar desas horas porque teñen aprobada a súa prestación.”, critica o Alcalde Manuel Muíño.

Comentarios