![Comida dos Coralistas da Xan Mella de Baio]()
Comida dos Coralistas da Xan Mella de Baio
Xa queda pouco para celebrar en Baio o XV Memorial Pepe Valiña, o tradicional concerto de Nadal co que a Coral Xan Mella pecha o ano.
E para ter a voz preparada, a entidade tivo unha intensa actividade esta pasada ponte. O xoves 6, cantantes e amigos, celebraron a tradicional Comida do Coralista nunha finca do Allo xentilmente cedida por Emilio Busto. Foi un cocido
pantagruélico cociñado por Luis Pérez coa inestimable axuda de Carmen Corral e Enrique Mel.
Sen tempo case a facer a dixestión, o sábado 8 a coral Xan Mella viaxou a Meirás de Valdoviño para participar no XVIII Festival de panxoliñas convidados pola Coral Alentía e na que tamén actuaron a Coral Atlántico de Noia e a Coral de Espasante. Ao rematar as catro corais xuntas cantaron "Noite de Paz".
![A Coral Xan Mella de Baio en Valdoviño]()
A Coral Xan Mella de Baio en Valdoviño
Un Festival internacional
E toca xa pensar no inmellorable peche de curso. Este ano, ademáis dos anfitrións, cantarán o Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña de Baio, a Coral Estelas do Mar de Mugardos e o Orfeao de Loureiro de Oliveira de Azemeis de Portugal. A cita será o sábado 15 de decembro ás 21:00 horas na Igrexa Nova.
O festival de Nadal ten carácter solidario e convidamos aos participantes a que vaian "Darnos a Lata": todas as latas de conserva e alimentos non perecedeiros serán doadas a Cáritas parroquial.