mércores. 15.07.2026
El tiempo

Abre o prazo para o escape room das Torres do Allo para descubrir o crime do caso Riobóo

ESCAPE ROOM O caso Riobóo crime nas torres de Luns a Sábados ás 1600h (1) copia
Abre o prazo para o escape room das Torres do Allo para descubrir o crime do caso Riobóo

O Concello de Zas continúa a enriquecer a oferta cultural e turística do municipio para a tempada estival. A administración local presenta unha nova proposta de escapismo nas Torres do Allo: O escape room de temática detectivesca “O caso Riobóo: crime nas torres”, que se desenvolverá dende o vindeiro mércores 15 de xullo ata o 15 de setembro.

Con esta iniciativa, o Concello busca ofrecer unha experiencia totalmente inmersiva que combine o valor do patrimonio histórico municipal co misterio e o traballo colaborativo, convertendo aos participantes nos auténticos protagonistas dunha investigación chea de enigmas.

A renovada trama traslada aos visitantes a unha intriga ficticia pero baseada na historia do pazo: o asasinato do propietario das Torres. A partir dese momento, os equipos participantes deberán converterse en detectives para reunir probas, interpretar pistas complexas e analizar a información de diversos personaxes vencellados á historia do complexo, que gardan coartadas e segredos clave. A observación, a lóxica e a colaboración serán fundamentais para resolver o caso antes de que remate o tempo límite.

A actividade está deseñada para grupos de amigos, familias e afeccionados aos xogos de enxeño, investigación e resolución de enigmas. O escape room estará operativo de luns a sábados ás 16:00 horas. Debido a que as prazas son limitadas para garantir o correcto desenvolvemento do xogo, as persoas interesadas deberán realizar a súa reserva previa obrigatoria a través do correo eléctrónico info@torresdoallo.gal. As prazas serán asignadas por rigorosa orde de inscrición.

Comentarios