![cea presentacion libro xan mella]()
A Coral Xan Mella de Baio viviu unha intensa fin de semana. Xa vimos como o pasado xoves
asistían á presentación do libro póstumo de José Rojo Valiña, presidente fundador da AMC Pepe Valiña.
Pois ben, logo das emocións, foi a quenda para unha suculenta cea en Casa Ovidio, na que as ameixas non faltaron.
Xa o sábado, a polifónica Xan Mella participou no XII Festival de Habaneras de Cee, compartindo cartel coa Coral Airiños de Quenxe de Corcubión e a Coral Neria Costa da Morte. A coral baiesa foi moi aplaudida e felicitada tanto polo numeroso público asistente como polos membros das outras corais.
![coral xan mella en cee 2011]()
O domingo, a coral que dirixe Tatiana Pankrátova pechou os actos da Semana Cultural da Carballeira de Zas nun concerto na igrexa da capital do Concello no que se mesturou a canción galega coas habaneras, a música pop e o folclore internacional. A numerosa xente que ateigaba a igrexa emocionouse cos sons da “Habanera de Baio”, vibrou cos ritmos de “California Dreamin” e bateu palmas con moitos folgos ao compás de “Katiusha”. Os asistentes despediron á coral postos en pe con numerosos aplausos.
A coral Xan Mella continúa os ensaios preparando as próximas actuacións que serán en Traba (Coristanco), Laxe, Corcubión, Meirás e As Pontes de García Rodríguez.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa da Coral Xan Mella de Baio.