Xoves. 28.03.2024
El tiempo

As Torres do Allo celebran este domingo o día do xogo tradicional

As Torres do Allo celebran este domingo o día do xogo tradicional

O próximo domingo, o contorno das Torres do Allo convertiranse nunha macro-sala de xogos onde terán cabido ducias de entretementos tradicionais para toda a familia. Con esta lúdica xornada, o concello de Zas conmemora o día internacional do xogo que se celebra cada 28 de maio.

Durante a mañá do domingo 27, entre as 11:30 e 14:00 horas, estarán instalados no contorno das Torres do Allo numerosos postos de xogos tradicionais para que calquera persoa ou familia poida achegarse e ensinarlle aos máis pequenos a divertirse coma en tempos.

A actividades realízase coa participación da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional que se encarga de proporcionar os materiais e de divulgar a mecánica de xogos coma os birlos, a buxaina, a mariola, as chapas, a roma, a chave, os zancos, as carrilanas, o tirapedras... e moitos máis. A maxestosa avenida de entrada ao monumento permanecerá pechada ao tráfico para proporcionar un gran espazo lúdico onde pasar unha mañá en familia.

Ese mesmo domingo haberá, coma tódalas fins de semana, visitas guiadas á 13:00 e ás 17:00, ademais do xogo de pistas "Os Segredos Ocultos das Torres".

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios