Comezan as actuacións de verán nas Torres do Allo co espectáculo dos Monifantes
As Torres do Allo están a ser un ano máis un dos puntos de referencia turística da bisbarra. E iso grazas en boa parte a unha completa campaña organizada polo Concello de Zas para ofrecer un horario ampliado de apertura ao público, visitas guiadas todos os días, visitas teatralizadas, xogos como o de pistas ou o pioneiro Scape Room e tamén un completo programa de actuacións que arranca este sábado.
Será ás 20:00 horas coa actuación de Os Monifantes, unha actividade para toda a familia. Alberto Millán Betanzos e Xosé Piñeiro Pérez conforman un dúo cunha ampla experiencia musical e de lutería xuntáronse no ano 2013 para deseñar un proxecto en común, Os Monifates, no que tivesen cabida parte das nosas inquedanzas artísticas e tradicionais, relacionadas coa música, o baile, os monicreques e a cultura galega en xeral.
Estiveron dous anos investigando e recompilando información sobre os chamados monicreques danzantes, e despois de estudar o que se conserva desta arte e de facer múltiples probas, comezaron a construílos, adaptándoos á nosa tradición cultural e incluso creando algúns con mecanismos propios, para así tratar de recuperalos. Foi no ano 2015 cando conseguiron darlle forma e vida a Os Monifates, e dende aquela van repartindo alegría e facendo bailar as súas marionetas ó mesmo tempo que interpretan música en directo.
Máis actividades
Ademáis da actuación, o pazo conta ca nova exposición temporal “Os Riobóo, a saga do Allo” que conta a historia da familia que lle deu forma ao pazo máis antigo de Galicia dende o sécuo XV.
Tamén estarán dispoñibles as visitas guiadas das 13:00h e a das 17:30h, o xogo de pistas “O legado de Francisca” para os máis pequenos e o xogo de escapismo “As Sombras do Tempo” para os máis adultos.
A entrada á actuación e o resto das actividades son de balde.