xoves. 03.07.2025
El tiempo

A familia Riobóo regresa ás Torres do Allo para inaugurar a exposición sobre os seus 500 anos de historia

Expo Riobóo (4)
A familia Riobóo regresa ás Torres do Allo para inaugurar a exposición sobre os seus 500 anos de historia

O Pazo das Torres do Allo viviu a pasada tarde un emotivo reencontro coa súa historia durante a inauguración da exposición temporal «Riobóo, a Saga do Allo». O acto estivo presidido polo alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, e contou coa destacada presenza de varias xeracións da familia López-Riobóo, descendentes directos da liñaxe que habitou o pazo durante cinco séculos.

O momento central do evento estivo protagonizado por Rafael López-Riobóo Moreno, quen, como doante de gran parte do material fotográfico xunto co seu pai, Rafael López-Riobóo Latorre, guiou aos asistentes nun percorrido pola saga familiar. A través dos seus relatos, os presentes puideron poñer rostro e contexto á historia que narran os paneis da exposición, desde as orixes da familia no século XV ata a súa vinculación co pazo no século XX.

O alcalde, Manuel Muíño, salientou que “hoxe é un día importante para Zas e para as Torres do Allo. Ter aquí a varias xeracións da familia Riobóo, compartindo a súa historia connosco, dálle unha valor especial a esta exposición. O seu relato en primeira persoa e a súa xenerosidade ao ceder estas imaxes permítennos ofrecer ao público unha visión única e moito máis humana do noso pazo máis antigo”.

Pola súa banda, Rafael López-Riobóo Moreno expresou a súa emoción: “Percorrer estes muros explicando a historia da nosa familia foi unha experiencia inesquecible. Cada recuncho do pazo garda unha lembranza, e esta mostra permítenos compartilas por primeira vez, facendo que a historia dos nosos devanceiros volva latexar nestas paredes”.

Ademais dos doantes, ao acto asistiron Asunción Moreno Alcalde, esposa de Rafael López-Riobóo Latorre; o seu outro fillo, Alejandro López-Riobóo Moreno; e Inés López-Riobóo Casado, que representa á xeración máis nova da liñaxe, simbolizando así a continuidade da saga.

A mostra

Expo Riobóo (6)

A exposición, organizada polo Concello de Zas e a Deputación da Coruña, xa está aberta ao público e poderá visitarse durante os vindeiros meses.

A exposición é unha apaixonante viaxe de 500 anos que permite mergullarse na vida, poder e legado da familia que deu forma ao pazo máis antigo de Galicia. A través dos paneis informativos e dun valioso conxunto de fotografías familiares inéditas, o visitante poderá descubrir os segredos, as alianzas matrimoniais e o devir dunha das estirpes máis senlleiras da fidalguía galega. O percorrido narra desde as orixes da familia no século XV e a construción da «Torre Vella», ata a consolidación do seu poder coa fundación do morgado e o señorío xurisdicional. Tamén se afonda no seu esplendor cultural durante a Ilustración, a súa lenta decadencia no século XIX coa fin do Antigo Réxime e, finalmente, a súa historia recente, que culmina coa venda do inmoble á Deputación da Coruña en 1998 e a súa posterior rehabilitación.

Comentarios