Venres. 19.04.2024
El tiempo

En marcha a 5ª edición do concurso de Nadal “PanxoliñaZas”

• O certame, no que se reparten 400 euros, está aberto a toda a veciñanza sen límite de idade e que pode presentarse tanto de forma individual como en grupo

• O prazo de presentación dos vídeos remata o 14 de decembro

 

PanxolinaZas portada
En marcha a 5ª edición do concurso de Nadal “PanxoliñaZas”

O Concello de Zas convoca por quinto ano o concurso de Nadal “PanxoliñaZas”, un certame que ten como obxectivo fomentar o uso da lingua galega e das novas tecnoloxías así como a recuperación das nosas tradicións. O concurso está aberto a toda a veciñanza, independentemente da súa idade, e pode facelo tanto de forma individual como en grupo. Os participantes deberán gravar un vídeo cantando unha panxoliña, un vilancico, un canto de Aninovo ou de Reis en lingua galega e poden ser tradicionais, xa existentes, de creación propia ou traducións ao galego.

PanxolinaZas

Antes de enviar os traballos será necesario presentar o Anexos correspondentes, que están publicados na páxina web do Concello de Zas, ben no Rexistro do Concello de Zas ou a través da Sede Electrónica. Logo enviaranse os vídeos por correo electrónico ao enderezo [email protected] ou a través da plataforma Wetransfer. En calquera das vías que se utilice é necesario indicar o asunto (“Concurso de Panxoliñas”) xunto co número de rexistro e os datos do/dos participantes (nome, apelidos, DNI, idade, enderezo postal e un número de teléfono de contacto).

Exhibición dos vídeos

Os traballos penduraranse na páxina de Facebook “Concello de Zas Actualidade Municipal” do 16 ao 19 de decembro e os internautas encargaranse de votar polo seu vídeo favorito. O que máis gústame teña recibirá o premio ao vídeo máis popular. Ademais premiaranse, a criterio dun xurado formado por membros do Concello de Zas, os traballos pola súa presentación, pola súa fidelidade á tradición da nosa zona e un vídeo infantil. En total outorgaranse catro premios de 100€ cada un xunto cun diploma acreditativo.

Comentarios