Os Premios Fouciño teñen madriña e padriño de luxo

Mabel Montes e Chema Rei na carballeira de Baio

Xa non queda nada para a IV edición dos Premios Fouciño, que se celebrará do 30 de outubro ao 2 de novembro en Baio. E o certame, que reivindica o talento local e as profesionais do audiovisual que traballan detrás das cámaras, xa teñen madriña e padriño de excepción: Mabel Montes e Chema Rei. A escolla por parte da dirección do certame busca poñer o foco naquelas profesións do audiovisual que son menos visibles desde fóra, así como darlle valor ao talento local.

Mabel Montes leva 26 anos sendo traballadora da CRTVG, onde foi reporteira, guionista e presentadora do tempo. Desde hai un ano desenvolve o seu traballo na Radio Galega.

Chema Rei é lingüista en series e programas da TVG desde hai 24 anos. Mareas Vivas, Padre Casares, Matalobos, Serramoura, A Lei de Santos ou o Atrápame se podes son algúns dos contidos nos que traballou.

Ambos formarán parte do xurado, xunto con Andrea Villa, codirectora do Carballo Interplay e comunicadora; Fran Gavín, presidente da Asociación Cultural Adro; Lito Velo, concelleiro de Cultura do Concello de Zas; e María Lado, poeta e actriz no filme O Corno (Jaione Camborda), gañador da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián.

Ao longo des semanas iremos repasando as últimas novidades do certame, que arrincará o mércores 30 de outubro nos baixos do Edificio Praza, en Baio. Os tres primeiros días haberá proxeccións de curtametraxes destacadas do cinema galego recente e diversas actividades musicais. O 2 de novembro terá lugar a proxección das curtas finalistas e unha entrega de premios con concertos de Caamaño&Ameixeiras, Pantis, Copa Turbo e Afundín Jamallos.

A programación completa pódese consultar en https://premiosfoucino.concellodezas.org/ ou no Instagram (@premiosfoucino).

Máis novas