Baio ergue o Fouciño
13:56 02/07/18
A sala da Casa Ovidio de Baio acolleu o sábado á tarde a proxección das curtas finalistas da III edición dos Premios Fouciño. Imaxe: David Fernández
Os Premios Fouciño son, en esencia, un festival de cinema a medio camiño entre un concurso e unha festa do audiovisual galego. E así se demostrou unha vez máis nesta terceira edición que vén de rematar e na que o concello de Zas afianzou a súa aposta pola cultura organizando este festival que vai polo bo camiño de ser un referente no panorama galego. Os Premios Fouciño arrincaron o pasado luns, 25 de xuño, coa semana do audiovisual e na que se proxectaron traballos como "Fóra", "Costa da Morte", "Escarabana", "Deuteronomio", "Matria" e "Pelerinaxes".
As actrices Carmen Méndez e Isabel Risco, xunto co director Simone Saibene, estiveron o xoves en Baio durante a proxección do filme Pelerinaxes
Ademais de ofrecer unha alternativa de ocio diferente e de potenciar o cinema en galego, os Premios Fouciño trouxeron ata Baio caras moi coñecidas do audiviosual como a de Carmen Méndez, Isabel Risco, Santi Romay (padriño desta III edición) e tamén directores como Simone Saibene e as irmáns Sonia e Miriam Albert-Sobrino, as "Also Sisters" que estiveron o venres durante a presentación do certame que tivo lugar nas Torres do Allo e na que proxectou o seu filme "A historia dun satélite".
https://youtu.be/Eqs6hjOQHHk
Día grande
E co bo sabor de boca que deixou a semana do audiovisual, o sábado arrincou xa pola mañá o día grande dos Premios Fouciño cun obradoiro infantil no que os máis novos pasaron unha mañá diferente e no que en algo menos de dúas horas puderon incluso facer unha curtametraxe.
Os máis novos participaron nun obradoiro infantil no que aprenderon a facer unha curtametraxe
Ao mesmo tempo, un grupo de "Currantas do Audiovisual" participaban nunha mesa rodonda e na que cada unha rapasou o seu papel como muller dentro deste sector. Alí estaban de novo as Also Sisters, representantes da productora Illa Bufarda e Laura Santos, unha baiesa que vén de publicar o seu primeiro documental web interactivo que leva por título "Feira".
Pola tarde continuaron os obradoiros, nesta ocasión para os adultos. As participantes recibiron as nocións básicas para sacarlle un maior rendemento á camara dos seus dispositivos móbiles. Compartir unha imaxe e sacar unha foto en formato panorámico foron algúns dos puntos aprendidos.
Pero se algo destacou nesta III edición dos Premios Fouciño foi o visionado das 23 curtas finalistas do concurso á que asistiron unhas 150 persoas. O lugar prestouse xa que o lugar elixido foi a mítica Casa Ovidio de Baio, grazas á colaboración da familia Valiña. Público chegado de moitos puntos xeográficos - próximos e non tan próximos a Baio - visionaron os 23 traballos finalistas para despois elixir o seu favorito. E o público local mandou e alixiu a curta "A mellor sopa do mundo", presentada polo alumnado de infantil do CEIP Labarta Pose, como a súa favorita.
Foto de grupo dos premiados, do xurado e dos organizadores da III edición dos Premios Fouciño. Imaxe: David Fernández
E unha vez rematado o visionado, e co tempo xusto para repoñer forzas nos distintos locais de hostelería de Baio, o público congregouse na carpa (situada ao carón da Casa Ovidio) para coñecer o veredicto final do xurado desta edición dos Premios Fouciño. Alí, Santi Romay (actor); Ana Costa (representante da A. C. Castro Meda); Ramón Lema (actor afeccionado e representante do grupo Badius); e Tania Carreira (representante do concello de Zas) deron a coñecer a súa escolla que segundo indicaron "non foi doado".
"Irrealidade definida", do IES Agra do Orzán de A Coruña, foi a curta gañadora dentro da categoría de centros de ensino dotado con 300€ máis un trofeo. Mentras que "O silencio das orquídeas", de Gabriel Bouzas, foi o traballo premiado dentro da categoría aberta pola cal recibiu 700€ máis un trofeo.
Os concertos son outra das partes importantes dos Premios Fouciño. Así que a música alternativa impúsoxe en Baio o sábado á noite para darlle o remate a esta III edición coa música de MounQup, Souldmacklein, Igmig e Músculo.
Arriba os fouciños!
Novas relacionadas
- Fouciño 18: Santi Romay: “Síntome obrigado a apoiar inciativas coma a dos Premios Fouciño”
- Fouciño 18: Os Premios Fouciño chegan aos comercios
- Fouciño 18: Un documental sobre a contaminación abre a III edición dos Premios Fouciño
- Fouciño 18: Arrancan os Premios Fouciño coa proxección de Fóra, un documental sobre a contaminación
- Fouciño 18: Os Premios Fouciño superan as 30 curtas a concurso
- Fouciño 18: Os Premios Fouciño ofertan un obradoiro para nenos e outro para adultos
- Fouciño 18: Últimos días para participar nos Premios Fouciño
- Fouciño 18: Ampliado o prazo para participar nos Premios Fouciño
- Fouciño 18: O audiovisual e a música volven a Baio na III edición dos Premios Fouciño
- Fouciño 18: Santi Romay, padriño dos Premios Fouciño
- Fouciño 18: MounQup e Igmig traerán as súas músicas ao festival dos Premios Fouciño
- Fouciño 18: Os Fouciños asaltan as aulas
- Fouciño 18: Os Fouciño volverán situar a Baio no centro do audiovisual galego.
- Interplay 18: O V Carballo Interplay recibe 256 webseries de todo o mundo.
- Fouciño 17: Curtas e moito máis nos Premios Fouciño de Baio:
- 06-07-17: Lucía Regueiro: “O sábado estarei por Baio para gozar coas curtamentraxes que participan nos Premios Fouciño”
- 25-06-17: “Cos Premios Fouciño queremos premiar a creatividade audiovisual da veciñanza”
- 20-06-17: Unha nova falsa sobre o descubrimento dunha anticitera serve de base para unha curta dos Premios Fouciño
- Fouciño 2016: Os Premios Fouciño convertiron a Baio na capital audiovisual da Costa da Morte
- Un fouciño audiovisual para loitar contra o illamento cultural da Costa da Morte:
- Curtas, charlas e un concerto protagonizan os Premios Fouciño de Baio.
- Os Premios Fouciño, os irmáns pequenos do Carballo Interplay
- Adro crea os ‘Premios Fouciño do audiovisual’.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).