Recoñecemento autonómico aos tres docentes de Baio con premio estatal
- O conselleiro anunciou que está a piques de licitarse o proxecto de reforma integral do CEIP Labarta Pose.
Á marea de recoñecementos que levan colleitados Fina Paulos e Óscar Rey, súmase agora Lorena Cerdeira. A tamén mestra do IES Maximino Romero de Lema de Baio, Zas, foi igualmente galardoada nos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan no alumnado as competencias dixitais e STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, polas súas siglas en inglés).
Esta mañá, o mesmo conselleiro Román Rodríguez achegouse ao centro baiés para darlle, persoalmente, os parabéns aos tres docentes, recoñecendo o seu labor diario como “máximos expoñentes da profesionalidade ao servizo da calidade do sistema educativo galego, nomeadamente no rural e nun ámbito tan sensible como as novas tecnoloxías”.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou que o feito de que ensino galego se sitúe á cabeza en resultados en ciencias ou equidade e igualdade de oportunidades, tal e como avalan informes comparativos a nivel internacional e estatal, “non é froito da casualidade”, senón “do esforzo, implicación e bo facer” que desenvolve o profesorado no día a día nas aulas e que do cal “Lorena, Fina e Óscar son un faro no que mirarnos”.
As iniciativas foron galardoadas co primeiro premio na categoría de elaboración de recursos educativos abertos para alumnado de ESO, unha delas na modalidade individual e outra na de grupo, que organiza o Ministerio de Educación, FP e Deportes. Ambas derívanse de diversos programas postos en marcha pola Xunta para favorecer a competencia dixital entre os estudantes, en concreto do proxecto cREAgal, a plataforma de contidos educativos en aberto que impulsa a Consellería, e dos Polos Creativos.
Reforma Integral do CEIP Labarta Pose
A raíz das queixas vertidas esta mañá pola ANPA e polo Concello de ZAs pola falta de partida orzamentaria para o CEIP Labarta Pose, a pesar de ter acordado a obra hai 2 anos, o Conselleiro asegurou que a Consellería de Educación ten neste momento en redacción o proxecto de rehabilitación integral deste centro, co obxectivo de avanzar na súa concreción a nivel técnico. As previsións iniciais sitúan o orzamento desta intervención en torno a 1.000.000 €. Licitarase cando todo o expediente administrativo-arquitectónico estea rematado.