As Torres do Allo estrean horario de verán
- O Pazo máis antigo de Galicia organiza un obradoiro infantil de "amuletos" de San Xoán
As Torres do Allo amplían o seu horario á tempada estival co obxectivo de ofrecer unha maior flexibilidade de visitas e dinamizar culturalmente a contorna. Con este novo horario de verán, o facilitarase o acceso ao considerado o pazo máis antigo de Galicia.
Deste xeito, dende o vindeiro luns (15 de xuño), o histórico edificio abrirá todos os días de 11:00 a 20:00 horas (de luns a venres), estendendo a xornada ás fins de semana (sábados e domingos ata as 21:00 horas). Ademais, manteranse as habituais visitas guiadas gratuítas, programadas diariamente ás 13:00 e ás 17:30 horas, unha oportunidade perfecta para descubrir os segredos e a arquitectura deste singular pazo, cuxas orixes se remontan ao final do medievo para erguerse como unha xoia dos inicios da Idade Moderna.
Creatividade e tradición: Obradoiro de San Xoán
Para estender a maxia da celebración do San Xoán, As Torres do Allo acollerán o vindeiro venres 26 de xuño un obradoiro infantil gratuíto dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 10 anos.
A actividade enlazará coa tradición do San Xoán, convidando á rapazada a elaborar as súas propias pulseiras e colgantes a modo de "amuletos" de protección para o verán. Empregando fíos coas cores do lume e elementos que lembran as tradicionais herbas de San Xoán, os participantes estimularán a súa creatividade e destreza manual nun ambiente lúdico e educativo.
Inscricións previas
Aínda que todas as actividades son de balde, as prazas para o obradoiro son limitadas. As persoas interesadas deberán realizar unha inscrición previa facilitando os datos do participante (nome, idade e teléfono de contacto) a través das seguintes vías:
- Centros Socioculturais: Zas (981 751 398).
- Correo electrónico: info@torresdoallo.gal.