A veciñanza de Zas xa pode recoller a súa entrada para a Festa da Carballeira

Como vén sendo habitual nos últimos anos, o Concello de Zas en convenio coa Asociación Castro Meda pon a disposición de cada vivenda con familias empadroadas no municipio dúas invitacións nominativas para acceder de forma gratuíta á Festa da Carballeira durante toda a xornada do sábado 9 de agosto.
As entradas poderán recollerse dende hoxe e ata o venres 8 de agosto nas oficinas da Casa do Concello en horario de 08:00 a 14:00 horas.

Esta é unha iniciativa do equipo de Goberno Municipal que se leva desenvolvendo dende hai uns anos e que naciu co fin de que toda a veciñanza goze dunha das festas máis emblemáticas que este ano celebra a súa 40 edición cun cartel de artistas 100% galego e 100% en feminino.

Asimesmo, todas as persoas maiores de 60 anos e menos de 14 anos non pagan entrada para acceder ao festival.

Semana Cultural

A que xa empeza é a Semana Cultural, que podedes ver aquí: 

Programación

Despois da noite de concertos do venres da man de Catuxa Salom, Tanxugueiras e Agoraphobia; a xornada do sábado día 9 comeza cunha sesión vemú e unha mexilloada gratuíta amenizada por Uxía Lambona e a Banda Molona, a Banda da Loba e o grupo de gaiteiras de Xiradela.
Ao longo da tarde haberá feira de artesanía, zona infantil con inchables e espazo para o xogo e unha gran foliada con varios grupos de música tradicional da zona. A tarde pecharase coa actuación do grupo Carmela que lle dará paso aos concertos no escenario principal. Aquí actuarán a partir das 22:00 horas Caamaño&Ameixeiras, Mercedes Peón, Ses e Señora DJ.

Máis info