A 40ª Festa da Carballeira estará presentada pola regueifeira Lupe Blanco

Será unha das Festas da Carballeira máis femininas na que por primeira vez, en catro décadas, todos os concertos estarán protagonizados por mulleres. E como non podía ser doutra forma, será tamén unha muller - Lupe Blanco - a encargada de subirse ao palco para presentar a cada un dos grupos e para berrar o mítico "Eiiiiiiiiii Carballeira!".
Guadalupe Blanco Vázquez, é natural de Coristanco, e conta cunha traxectoria impecable no ámbito da regueifa e da música oral. É pandereteira dende os sete anos e regueifeira de referencia en Galicia. Herdeira do legado do seu bisavó Blanco de Muiñoseco —considerado o "padriño" da regueifa en Bergantiños—, Lupe leva décadas dando vida á tradición oral a través da improvisación, a palabra rimada e o compromiso coa identidade cultural.
Creadora do proxecto "Regueifandopolavida", converteuse nunha figura destacada no país pola súa capacidade de transmitir e renovar a regueifa entre xeracións. Creou pregóns de forma improvisada en festas populares como o Día da Muiñeira ou a Festa da Pataca, e colabora como formadora en obradoiros educativos dentro dos proxectos Regueifesta e Enreguéifate, impulsando a creación da primeira Escola de Regueifa do Concello de Carballo.
A súa voz cruzou fronteiras, con actuacións no País Vasco, Málaga, Cuba e Berlín, levando a improvisación galega a contextos internacionais como o Congreso Iberoamericano de la Décima y el Verso Improvisado ou a Universidade Libre de Berlín. Entre as súas intervencións máis destacadas estivo a Gala do Patrimonio, o Festival "Alguén que Respira", a presentación do Diario Nós ou os premios Martín Códax da música, que presentou este 2025.
En xaneiro deste ano foi galardoada por terceira vez consecutiva cos Premios Galegos da Regueifa, organizados por La Voz de Galicia, e é recoñecida como a mellor regueifeira de Galicia pola súa fidelidade ás tonadas de Bergantiños.
Unha edición especial para unha artista moi especial
Sobre esta 40ª edición da Festa da Carballeira, Lupe declara que "É unha honra para min presentar esta 40ª edición da Carballeira por ser unha festa de referencia para min ao que levo acudindo dende hai máis de vinte anos. Pasei por varios estados neste tempo: comecei a acudir de nena a tocar e bailar, fun cos amigos como espectadora, cheguei a actuar tamén como regueifeira —que xa foi un soño—, mais este ano ter o privilexio de ser a presentadora xa é unha fantasía para min. Todo se confabulou para que por riba estea rodeada de compañeiras e amigas ás que admiro profundamente, así que espero desfrutalo con todas e que vós tamén o vivades igual!"
8 e 9 de agosto

A Festa da Carballeira de Zas é unha cita imprescindible, que celebra a súa 40ª edición os días 8 e 9 de agosto de 2025. Patrocinado por Estrella Galicia e a Deputación da Coruña, o evento conta con artistas de primeiro nivel como as Tanxugueiras, Catuxa Salom, Agoraphobia, A Banda da Loba, Caamaño & Ameixeiras, Mercedes Peón, SÉS ou Señora DJ, entre outras. A festa desenvolverase nunha contorna natural única, con espazo de acampada gratuíta, gastronomía, feira de artesanía, zona infantil e actividades para todas as idades.
As entradas xa están dispoñibles na web oficial www.festadacarballeira.com, con abonos promocionais e opcións para un ou dous días. A venda online estará aberta ata o 8 de agosto ás 20:00h, e a partir dese momento poderán adquirirse en taquilla.