xoves. 12.06.2025
El tiempo

A Carballeira de Zas celebra os seus 40 anos destacando o talento feminino galego

A Carballeira de Zas presenta o cartel da súa histórica 40ª edición
A Carballeira de Zas celebra os seus 40 anos destacando o talento feminino galego

O festival máis esperado deste verán xa está en marcha. A 40 edición da Festa da Carballeira de Zas foi presentada esta mañá na cervexería da Estrella Galicia na Coruña, e a carballeira de Velar xa pon a conta atrás para a fin de semana 8 e 9 de agosto de 2025.

Unha edición que, seguindo a estela das Letras Galegas, aposta por un cartel 100% en galego e 100% con bandas femininas. “Podería sair outro cartaz, porque talento feminino en Galicia hai a raudales”, sinalou Fidel Otero, dende a organizadora Asociación Cultural Astromeda, pero a realidade é que saen un cartelón con nomes tan relevantes como as Tanxugueiras, Mercedes Peón, Sés, Caamaño&Ameixeira, Agoraphobia, Catuxa Salom, ou A Banda da Loba.

Abría a rolda de prensa o alcalde zaseiro Lolo Muíño, que puxo o foco en que “a organización cada ano se supera a si mesma, e este ano só hai que ver o cartel, e as súas artistas, para confirmar que é un dos grandes festivais de referencia de Galicia, que debería existir por lei”, sentenciou iun rexedor que non se esqueceu de loubar a implicación de todo o pobo e de todo o Concello.

Dende a Área de Cultura da Deputación da Coruña, a deputada Natividade González amosouse orgullosa das asociacións do país.

Creadoras de autoestima cultural

Estiveron presentes dúas das artistas máis singulares do festival como son Sés e Mercedes Peón. A primeira explicou que “honestamente, síntome moi honrada de participar neste festival que se alonxa dos festivais macdonal que se ven por aí, porque apostar por festivais boutique coma este é un camiño para loitar contra a depauperización cultural”.
E foi máis alá, sinalando que “Zas non é un só festival boutique, senón que é un festival creador de música e músicos en galego. Sen a Carballeira de Zas non habería músicas coma min”, dixo con total franqueza, deixando patente que “permite que siga habendo relevo, porque a xuventude pode ver no seu mítico escenario a grandes referentes, como vin eu a Mercedes Peón, sen a que igual estaría dando clases de galego, diferenciando o te do che”, chanceou.

Colleu o relevo Peón, que sorrríu encantada de participar nun deses “lugares de existencia, e de resistencia a través do pracer.” Recoñeceuse como “dúas autoras de autoestima cultural, como foron as nosas tocadoras”, trasladando a súa homenaxe completa á cantareiras, pois foi ela unha das grandes pioneiras desta homenaxe que vive o país co seu proxecto Somos Pandereteiras.

Programa: Música, mercado, feira artesanía, mexilloada foliada tradicional…

Cartel da 40 Festa da Carballeira de Zas 2025

Patrocinada un ano máis por Estrella Galicia e a Deputación da Coruña, este festival da Carballeira terá o pracer de ter sobre o seu escenario Estrella Galicia o venres a artista Catuxa Salom, gañadora do premio Martín Códax no 2024, na categoría “Musicas do Mundo e Mestizaxe”. Continuará o grupo musical Tanxugueiras, formado por Áida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, que adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. Pechará as actuacións do venres o grupo Agoraphobia, pisando forte con dous singles que están redefinindo as regras do xogo: “Eyes Never Lie” e “Fuck You Tony”. 

O sábado, desde primeira hora, a música e a festa serán protagonistas cunha programación para todos os públicos. A xornada arrancará coa actuación da banda de música infantil Uxía Lambona, que recupera os clásicos populares galegos cun estilo propio, divertido e contemporáneo. A continuación, A Banda da Loba traerá a súa proposta artística na que se entrelazan música, poesía e reivindicación con forza e sensibilidade.

Non faltará a xa tradicional mexilloada popular de balde, acompañada dunha oferta variada de gastronomía, mercado artesán, zona infantil e sesión vermú para desfrutar en boa compaña.

Pola tarde terá lugar a Gran Foliada da Carballeira, da man de Chorima, Gaiteiras de Xiradela, Pandereteiras de Raigañas, Gaiteiras de Buxantes, As Lerchas e Xela Cantareira. O proxecto musical Carmela pechará a tarde mostrando o seu repertorio na música de tradición oral galega, a través do canto e a percusión de man como elementos definitorios. 

A festa non remata aquí, pois cando chegue a noite, os concertos seguirán no escenario Estrella Galicia da man do grupo Caamaño Ameixeiras; pasando o turno á compositora heteroxénea, vocalista e multiinstrumentalista galega Mercedes Peón; a cantante SÉS e pechará o festival Señora DJ, quen aposta por visibilizar a mulleres compositoras, discursos feministas e pro-LGTBQ+, sen esquecer a música feita en galego. 

Venda de entradas

A venda de entradas online xa está aberta, e a día de hoxe centos de persoas xa se fixeron cos seus abonos para a festa, dos cales os máis rápidos conseguiron un prezo mellor gracias a oferta especial de lanzamento, abonos para os dous días a un prezo de 15€ + gastos de xestión. 

A venda online pódense a atopar na páxina oficial da festa, no seguinte enlace https://www.festadacarballeira.com/ e tamén nas propias redes sociais da Carballeira: Facebook, Instagram e X.

O prezo regular será: abono de día individual 10€ + gastos de xestión e o abono para os dous días 18€ + gastos de xestión. A venda online de entradas estará aberta ata o día 8 de agosto as 20:00h, a partir de este momento as entradas poderanse comprar en taquilla, onde os prezos serán de 15€ entrada para un só día, ou 25€ abono para os dous días. 

Zona de acampada gratuíta

Como é habitual e como se leva facendo en anteriores edicións, todos aqueles asistentes que queiran acampar en Zas durante os días da festa, contarán con zona de acampada gratuíta (situada a poucos metros do recinto musical). Tamén terán baños e duchas.

Evento familiar

Como todos os anos a tarde do sábado na Carballeira de Zas está pensada para o desfrute de maiores y pequenos, contando con unha zona de gastronomía, espazo lúdico infantil, feira de artesanía e outras actividades para todos os públicos principalmente para os máis cativos e os maiores da casa. 

Máis novas

Comentarios