Zas recupera polo miúdo a historia da parroquia de Mira

A parroquia de Mira en ‘Zas polo miúdo’

A parroquia de Santa María de Mira está situada no somonte occidental da Serra de Santiago (a do Pico de Meda). Contra 1867 incorporou ó seu territorio a súa parroquia anexa de Follente.
Na nave da súa igrexa traballaron, entre 1730 e 1736, Silvestre e Afonso Diz, canteiros de Moraña (Pontevedra). A fachada é de finais do séc. XVIII. Houbo máis reformas arquitectónicas na segunda metade do séc. XX. O antigo retablo maior foi obra de Francisco Castro Agudín, escultor de Sandrexo, en 1790.
Nos seus termos atópase a ermida de San Roque do Monte Coroado, cunha romaxe moi concorrida o último domingo de agosto. Esta festa ten a súa orixe nunha confraría fundada en 1565 por fidalgos soneiráns e xalleiros das casas de Sas, Romelle e Cícere. Estaba reservada para matrimonios fidalgos, que celebraban pantagruélicos banquetes a véspera e o día da festa. Os visitadores pastorais do Arcebispado reprobaron durante máis de 200 anos estas comelladas, sen moito éxito.
O antigo pazo de Follente botouse abaixo no séc. XX e transformouse na casona que vemos hoxe. No penal norte conserva o escudo co emblema dos Figueroa, Leis e Caamaño. Nesta mansión tivo lugar un importante feito histórico, pois nela aloxouse, en decembro de 1823, o famoso cartógrafo e matemático Domingo Fontán, pois Follente foi un dos primeiros lugares (o 4º) que escolleu para a elaboración da que logo sería a Carta Geométrica do Reino de Galicia, rematada en 1834 e impresa en París en 1845. Sería o primeiro mapa moderno de Galicia, realizado cun sistema de medición innovador para a época, a triangulación xeodésica. O motivo de vir a Follente foi porque o pazo era propiedade de Antonio Loriga, amigo e correlixionario seu (os dous eran de ideoloxía liberal). Publicamos dúas fotos inéditas do caderno de campo do ilustre cartógrafo, facilitadas polo xornalista e investigador brasileiro Vítor Brandalise, que en 2012 estivera na comarca seguindo os seus pasos.
Sería importante que o Concello de Zas puxese en Follente algún tipo de sinal que lembrase a estadía deste persoeiro galego, un dos poucos que xace -xunto a Rosalía de Castro, Alfredo Brañas ou Cabanillas- no Panteón de Galegos Ilustres da igrexa compostelá de Bonaval.

Máis información
Novas relacionadas
- Zas potencia a “Ruta dos pazos barrocos” coa contratación dun técnico en patrimonio.
- De ruta polos pazos de Zas
- Coñecendo polo miúdo a historia da parroquia de Zas.
- Evaristo Domínguez e Xosé Mª Lema recuperan os valores da parroquia de Zas pola rede.
- A parroquia de Brandomil protagoniza a nova entrega de “Zas polo miúdo”.
- Zas presenta as súas parroquias a través da rede
Máis novas
Fonte- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Zas