Carballo volve darlle un Bocado ao Teatro coa ruta de tapas e almorzos do FIOT


En plena Fin de semana de estreas no FIOT, descubrimos unha das propostas máis sabrosas do Festival Internacional de Outono de Teatro.
Repite a proposta "Dálle un bocado ao FIOT", na que 14 locais hostaleiros da capital municipal participan nesta ruta gastronómica que se inauguraba onte aproveitando a estrea do programa de Sala.
Os bares, tascas e cafetarías propoñen tapas ou almorzos a 2 e 3 euros, respectivamente, os días 9, 11, 16, 17, 18, 23, 24, 30 e 31 de outubro, coincidindo con todas as funcións de sala. Con nomes tan suxerentes como "Otelo", "Calderón de la Barca", "Fiotiño de mar", "Sonata de otoño" ou "Milhojas para Julieta", os locais participantes crean unha proposta gastronómica para o festival, co obxectivo, sinala o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, de que a celebración do festival teña unha repercusión clara nos locais de hostalería de Carballo.
Como o ano pasado, todos os clientes que se animen a probar os "bocados" recibirán unha rifa e participarán no sorteo dun premio que consiste en dúas entradas para un espectáculo da próxima edición do FIOT, con aloxamento na vila a noite do espectáculo.
Hai que resaltar, ademais, que por segundo ano consecutivo haberá pequenas intervencións teatrais nos locais participantes relacionadas coa temática do FIOT de novos actores e actrices carballeses, dirixidos pola intérprete Alba Bermúdez.
Os establecementos que forman parte da ruta, e que, subliña Maite Parga, Técnica de Turismo, manifestaron en todo momento a súa vontade de participar, son os seguintes:
- A Barra Bar: "Oe, oe, oe" (tapa).
- Bodegón O Pescador: "Entre dous mundos" (tapa).
- Café Colón: "Calderón de la barca" (almorzo).
- Cafetaría Pazo da Cultura: "Chapito" (tapa).
- Cafetería Abastos: "Otelo" (tapa).
- Cafetería de Maná: "Jamón del diablo" (almorzo).
- Cafetería Valle Inclán: "Sonata de otoño" (almorzo).
- Cervexería A Bombonera: "Fiotiño de mar" (tapa).
- Cervexería Ágora: "Milhojas para Julieta" (tapa).
- Mesón A Cabaña: "Abanico de colores" (tapa).
- Restaurante Oasis: "Ratatouille" (tapa).
- Tasca A Cova: "Amina" (tapa).
- Tomasa Taller de Repostería: "Un soñador para un pueblo" (almorzo).
- Vinoteca Ánfora: "Noite de ruada" (tapa).
As entradas soltas, á venda
Onte ás 22.00h remata a venda de bonos online do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), polo que este sábado 10 a partir das 9.00h os que queden sen vender converteranse en entradas soltas para todas as funcións de sala. Deste xeito, todas aquelas obras que xa tiñan o cartel de esgotadas, como é o caso de “El testamento de María” de Blanco Portillo, “Presidente” ou “Ojos de agua” de Charo López, volverán a ter butacas dispoñibles no sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova) ou no teléfono 902 504 500 (de 9.00h a 22.00h).
Máis información
Novas relacionadas
- A 24ª edición FIOT nunha exposición en Versión Orixinal.
- Fin de semana de estreas no FIOT.
- O FIOT abre o prazo de inscrición no concurso escolar de teatro lido
- O FIOT arrinca con circo e música na rúa
- Os peques tamén poden participar na festa do teatro carballés no Fiotiño.
- Comeza a venda de bonos para os socios do FIOT.
- Trinta e catro espectáculos enchen o cartel do FIOT 2015
- Susana Dans será a Xograr de Outono para o FIOT 2015
- Xurxo Borrazás celebrou o Día do Teatro nos Premios María Casares.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- FIOT