Venres. 19.04.2024
El tiempo
María Bella
12:04
04/12/17

AMARE*

Escena de traballo no Belén de Corcubión pintada por Carlos Martínez
Escena de traballo no Belén de Corcubión pintada por Carlos Martínez

A palabra amateur ten a raíz latina “amare”. Marcos e Carlos son amateurs e levan quince anos honrando a raíz desta palabra. Fano cada ano sen excepción e durante meses. Os máis intensos son os que rodean o Nadal porque se preparan para expoñer "un conto de Nadal"; para inauguralo antes de que dean comezo as festas e para clausuralo ao terminarse. Máis aló do periodo visible de exposición durante o Nadal, da montaxe desde novembro e do desmontaxe a partir de xaneiro, Marcos e Carlos, dedícanse ao que non se ve: toda a actividade intermitente de mantemento, reparación e mellora das pezas, dos mecanismos, do audio, da narración, das luces; dun longo etc.

O mundo de Carlos e Marcos conta con ao redor de trescentas cincuenta pezas que aumentan en número cada ano.

A máis antiga é de 1949, o Castelo de Herodes. As máis valoradas por eles son as figuras feitas por artesanos recoñecidos como Joaquín Pérez ou Lebrija Montserrat Ribes. As máis sentidas, unha das tres fontes que é igualiña á da praza en Corcubión. As máis temidas, aquelas ás que lles incorporaron mecanismos para facer o que conta a voz en off e que poden fallar se as conexións ocultas baixo o belén non se fan con atino. Cada figura deste mundo amateur ten un porqué, un ano de entrada en escena e un lugar asignado que varía con cada edición. Case todas sufriron o deterioro do tempo e por conseguinte, as súas merecidas reparacións. Moitas son customizacións e ata hai construcións propias.

Nada é superficial, ata o máis pequeñito e insignificante ten a súa historia e a súa razón de estar. Hai unha pequena pomba que se perde no conxunto que a fixo Lupe, unha artesana de Vigo. Son centos os misterios ocultos detrás de amare. Os amateurs aman o seu traballo. Critícaselles por non ser suficientemente profesionais, por non ter un alto grado de especialización e perfección, con todo ou a cambio, o seu traballo non atende ás ordes da rendibilidade do capital, cousa que hoxe non lle pasa case a ninguén. Toman as decisións atendendo aos seus desexos, o seu traballo nese intre é para gozar. Como recompensa tampouco perciben soldo e é por iso que para facelo debe estar a raíz latina amare polo medio. A parte, para poder vivir, ademais de ser amateurs, traballan por diñeiro como o resto (o que pode).

No último tempo, como contestación aos efectos dun mundo neoliberal atravesado por continuas crises que atentan contra a vida poñéndoa en risco de infinidade de xeitos, óese repetir unha frase medicina que recorda a imperante necesidade social de volver poñer a vida no centro para protexela. Pese a todo, pese a propoñer discursos para o cambio nos que esta frase é o lema, a miúdo ocórrenos que se nos pasan as horas e os días sen conseguir facer das palabras feitos. Sen lograr enunciados felices, é dicir, que as palabras produzan realidade para que as frases nos curen.

En última instancia, sen conseguir apenas de verdade poñer a vida no centro. Descentrada e descoidada, outra vez non somos capaces de subvertir as lóxicas do que realmente somos, capitalistas compulsivos. Unha pena. Ao final chegará a empresa e co seu efecto shiny de innovación social inventarase un app ao silicon valley que prometa axudarnos, por fin, a poñer a vida no centro.

Nun pobo de menos de dous mil habitantes onde as infraestructuras e políticas culturais son inexistentes hai dúas persoas que durante meses se dedican a poñer a vida no centro unhas horas honrando a raíz da palabra amare, producindo con ela enunciados felices. Chegado o momento ocupan a igrexa, sen ser en absoluto relixiosos. Situada en no centro da vila cunha arquitectura fermosa preparan unha instalación de nada máis e nada menos que 20 m2 de espazo expositivo, e outros 20 de espazo de almacenamento. Nela constrúen o seu pequeno mundo a base de táboas, sacos, cables, area, musgo, figuriñas, casiñas, caixas, cravos e demases coas que recrean o relato histórico do nacemento de Xesús. O tempo que dedican fano libres dos imperativos da rendibilidade do capital. E cando está finalizado comparten xenerosamente o seu traballo.

Feito día a día, ano a ano, peza a peza. Non hai nada nel que non puidésemos facer o resto. O reto dun amateur non é a dificultade técnica do que fai senón a dedicación por AMARE. -- O Belén de Carlos e Marcos pode verse na Igrexa de San Marcos en Corcubión desde o día 10 de decembro e ata o 7 de xaneiro. Estará aberto ao público de 17 a 19h os días previos a Nadal e desde o día 22 o horario de apertura amplíase tamén de 11 a 13h.


​Selección dalgunhas das fotos que dan conta do proceso de montaxe do Belen de Corcubión tomadas polo propio Marcos  

* Este artigo é froito da colaboración con Carlos Martínez, artista da vila de Corcubión, que pintou o cadro que o abre e con Marcos Vázquez López, amateur, que tomou as fotos do mosaico que o pecha.Quiero dedicar esta reflexión a ellos especialmente y a todos los que ayudan a que el belén se haga posible, a Camilo, Abelardo, Jan, Jesús, Serxio, Fran… y a los que sin nombrarlos se sientan aludidos!

Novas relacionadas

Artigos de María Bella en QPC

Fonte

Comentarios