Martes. 23.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
02:08
11/02/17

Apaga

No ano 2015, VM Energía, a parte do grupo Villar Mir dedicada á enerxía, declarou unha facturación de 707 millóns de euros. Estes cartos proveñen, na súa totalidade, da venda na rede de electricidade obtida por medio das súas centrais hidroeléctricas, 7 en Galicia e outras 5 en Aragón. Ás veces vale a pena ver algo en perspectiva ou a carón de outra cousa para darse conta real das súas dimensión, importancia e capacidade. E ás veces, ver algo dende ese punto de vista abre os ollos a escépticos e interesados. 707 millóns de euros son 3 veces o orzamento total da cidade da Coruña para 2015 (o de 2016 está dando bastantes máis problemas, pero a cifra total é similar). Para entendernos, coa produción dun ano nas súas centrais, Villar Mir podería comprar tres veces a cidade herculina… máis ou menos, va. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, manexará este ano un orzamento de pouco mais de 85 millóns de euros. Esa cifra é só lixeiramente superior ao beneficio declarado despois de impostos polo Grupo Villar Mir en 2015, último ano de beneficio neto na empresa que, como é sabido, debe a día de hoxe unha cifra mareante que se achega ao total do que hai orzamentado en España para sanidade, uns 13.000 millóns de euros. E logo estamos nós. Se sumamos o presuposto estimado para este ano polos 9 concellos que eu considero, como é ben sabido, Costa da Morte, nos da un total de… 33 millóns. Os concellos de Vimianzo, Cee, Fisterra, Corcubión, Dumbría, Muxía, Carnota, Zas e Camariñas gastarán no mantemento dos servizos municipais, en obras, actuacións culturais e deportivas, servizos sociais e recollida do lixo só 12 millóns mais que o que ten previsto levar como indemnización Alan Kestenbaum, o ex-presidente de Ferroglobe, despois de marchar da empresa o pasado 31 de Decembro. Co que Kestenbaum cobrará por deixar o seu sillon ao xenro de Villar Mir, poderiamos manter durante un ano a Cee, Vimianzo, Muxía, Camariñas e Corcubión, e sobraría algo para uns viños. Galicia conta con 162 embalses e saltos de auga para unha produción de 3.717 Mw de enerxías renovables en 2015. De este enorme pastel de cartos (que iso é a enerxía) Ferroglobe controla (ba) 5 embalses directos na bisbarra (segundo datos de Inega). Son Novo Pindo, Pindo, Fervenza e Ponte Olveira no Xallas e Carantoña no río Grande. Neles ten unha potencia instalada que suma máis de 29.000 Kw, é dicir uns 29 megavatios deses 3700 veñen de aquí. E proveñen, para entendernos, da auga. No mapa da fotografía que hoxe ilustra esta columna veses con detalle gráfico, tal e como se determinou mediante a datos da REE (Rede Eléctrica Española), de que xeito somos puramente un corpo parasitado. Galicia e Castela e León, principalmente, xunto con Extremadura, producimos cantidades descomunales de electricidade grazas, entre outras cousas, aos rios e o vento. Cantidades enormes de electricidade que non se gastan, madía leva, nas nosas industrias (cales?) nin no noso “enorme poder comercial ou manufactureiro”, non. Toda esa corrente, todo ese enorme capital, viaxa por unha das redes máis controladas, máis atendidas e pola que maior interese presta o goberno central; a de alta tensión coa meseta. Para que isto sexa así, en Galicia pagamos o seguro de automóbil máis caro do país (ata un 32% maior). Para que Villar Mir facture máis de 700 millóns coa corrente, Galicia é o lugar cunha maior mortalidade a causa de enfermidades do aparato respiratorio e a segunda con maior número de mortes relacionadas coa artrose, artrite e reuma. Para que en Madrid todas as eléctricas que explotan recursos hidráulicos e eólicos en Galicia se deixen en impostos unha barbaridade de cartos (que saen de Galicia, dos nosos rios, do noso aire e dos nosos lombos) nos pagamos o combustible mais caro (ata un 23% mais polo gasóleo), as autoestradas custan na media ou mais caras (por quilómetro) e todo coa pensión media por perceptor mais baixa de España e cunha taxa de industrialización propia do século XIX. E agora se vende. Xa expresei hai tempo (en Novembro) a miña opinión sobre o asunto da venda das centrais do río Xallas e non vou repetirme. Pásmame, teño que dicilo, a clarividencia de certos líderes políticos na oposición, que collen o todo pola parte e cren que, dado que a crise en si carece de ningunha solución real viable a curto ou medio prazo, o propio e tratar de tirar proveito dela e rascar algún votiño… aha. Lembro un partido nacionalista que unha vez gobernou e que en boca do seu líder afirmou que “os recursos que lle son propios ao país non deben nunca máis ser explotados pola oligarquía castelá que tanto dano nos leva feito e tanto proveito leva tirado do noso”. Despois déronlle un sillón e esqueceu todo isto, pero, que esperabades?. A culpa foi miña por confiar. mapa electrico 2 De igual xeito, hai que ser críticos cos habitantes do país. Porque décadas de gobernos de dereitas non poden derivar nunha defensa do propio, do que nos compete. Non falo de poñer unha barreira no Padornelo e cobrar por entrar ou saír nin de poñer aduanas no Cebreiro. Falo de cotizar polo propio nun mundo global. Un litro de gasolina en Bahrein vale 0,42 céntimos e aquí 1,33. Será porque a producen, digo eu, e como ben describe o mapa da foto, nos de electricidade non andamos faltos, así que; por que ten que custar tanto ou mais que en Madrid? Que culpa teño eu de que alí non chova nin vente nin teñan de onde sacala? A estas alturas, descuberto xa hai tempo que a explotación dos nosos ríos e montes a base de viraventos non vai producir beneficio algún, á vista de que nin pola vía dos impostos aos produtores nin pola da creación do emprego imos lograr nada de nada… non sería lóxico, ata cae de caixón, que nos, os escravizados, os explotados, os que mais morremos pola acción da choiva e que mais pagamos pola cantidade que nos asolaga inverno tras inverno, teñamos a nosa propia tarifa da luz? É que é tan difícil de entender? Dado que dende o pasado venres nin sequera os rios son xa propiedade nosa (algúns van xa camiño do Canada), non é de xustiza que polo menos sufrir nos saia gratis?. E, de non ser así; non estaría máis que xustificado que nos negaramos a este expolio consentido? Nacionalismos a parte, é lóxico que nos poñan a cara coma un cromo e ademais calemos e admitamos? Sen ríos que explotar, sen minas, sen propiedade algunha do que nace do noso chan e da nosa terra, pódese saber de que demo imos vivir dentro de 30 anos?… do turismo?… en serio?
  • José Luis Louzán, de RDF Comunicación (louzan[arroba]quepasanacosta.com).
 

Novas relacionadas

Máis novas

Artigos de José Luís Louzán en QPC 2016

Verdades de José Luís Louzán en QPC

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

Comentarios