Martes. 16.04.2024
El tiempo

Estrella: "Emociónome do ben que saíu todo"

Estrella, unha das almas máter deste gran Fisterra.
Estrella, unha das almas máter deste gran Fisterra.
Estrella: "Emociónome do ben que saíu todo"

O Fisterra pode facer historia e pode volver a Preferente nada máis e nada menos que 31 tempadas despois do seu último paso pola categoría, nunha fin de semana chea de actividade futbolística xa que na tarde deste venres ten que afrontar tamén un encontro importantísimo como é o dos oitavos de final da Copa da Costa ante o Coristanco.

Aínda que o partido de vital transcendencia para a xente da fin da Terra é o do vindeiro domingo ante o Lalín, no cal se decidirá o devir da tempada dun Fisterra que realizou unha campaña espectacular.

Para falar de todo isto, quixemos ter unha pequena conversa cun dos grandes culpables do bo facer do clube fisterrán como é Jesús María Canosa Trillo, máis coñecido coma Estrella, o que vén sendo a man dereita de Ángel López no banco verde.

  • QPC: O pasado verán confeccionastedes un ambicioso plantel que fostedes reforzando ao longo do ano con xogadores de moito nivel. Cal era o verdadeiro obxectivo do Fisterra para a presente tempada?

E: Quedar o máis arriba posible e chegados a esta situación gozar o momento, e que sexa o que Deus queira!

  • QPC: Pase o que pase o vindeiro domingo no Ara Solis, como valorarías a tempada deste Fisterra?

E: IMPRESIONANTE! Dígoche isto e emociónome do ben que saíu todo!

  • QPC: Como están os ánimos en Fisterra para vivir o partido de vital transcendencia ante o Lalín?

E: Xa vos podedes imaxinar. Todos sabemos como vive esta vila o fútbol! Non se fala doutro tema no pobo!

SD Fisterra 18-19

  • QPC: Aínda que dependedes de vós mesmos para acadar o obxectivo, pensades que o Lalín poida vir ao Ara Solis primado polo Sigüeiro?

E: Penso que non. É moi difícil para unha directiva acabar a tempada con superávit como para primar a estas alturas a alguén pero nunca se sabe, o mundo do fútbol é unha loucura!

  • QPC: O Ara Solis sempre é unha olla a presión pero imaxino que de cara a este domingo e como é habitual nas ocasións especiais, os Rapacollóns Big Band estarán preparando algo diferente, non?

E: Iso xa cae de caixón. En cada partido fan algo diferente e non me imaxino este domingo! Xa por esa intriga, valerá a pena ir ao Ara Solis.

  • QPC: Que significaría para o Fisterra e para o pobo, ascender a Preferente?

E: Algo que non pasa fai 31 anos, case nada! Isto pasa unha ou ningunha vez na vida e a quen lle toque de vivilo, só queda desfrutalo!

  • QPC: Esta fin de semana tedelo completiño debido a que vos xogaredes o pase aos cuartos de final na Copa da Costa ante o Coristanco na Rocheira e, o título de campión da Primeira Galicia e o ascenso a Preferente. Como afrontades esta fin de semana de tanta actividade futbolística?

E: Afrontarémola con moito nerviosismo xa que é imposible evitalo, pero sabemos que dependemos de nós para facer historia 31 anos despois!

  • QPC: “Tiraredes” a Copa para ir con todo a polo ansiado ascenso ou iredes a por ambas cousas?

E: Ao xogar venres a Copa o que facemos e que sexa un entreno máis para nós. Se a xogasemos sábado todo sería diferente e terían que xogala os menos habituais, pero creeme que non penso nada na copa, NADA! Xa gañamos a mellor que existiu, ousexa que non me preocupa en absoluto (risas).

  • QPC: Dende o corpo técnico como lograstedes manter a todos os xogadores conectados e enchufados pola causa durante unha tempada tan intensa coma está sendo esta?

E: Esta pregunta respondocha así de fácil, José Manuel Álvarez Fernández “O Tolo”. Sobran as palabras, porque os feitos xa os fai el!

Comentarios