Evento
8M por Asunción Antelo en Ponteceso

O Concello de Ponteceso desenvolverá xunto coa Casa da Muller, a Fundación Eduardo Pondal e a Indicación Xeográfica Protexida “Ternera Gallega” un programa de actividades en homenaxe Asunción Antelo (1919-2016), a “Rexoubeira de Bergantiños”, unha artista polifacética e autodidacta, que dedicou a súa vida á escritura e á escultura converténdose nunha precursora e nunha muller adiantada ao seu tempo.
Os actos arrincarán o popio ás 12.30 horas no Couto cun recitado e voz do poema “Muller” de Fuxan os Ventos a cargo de Uxía Varela e Alba Costa. De seguido, o grupo de teatro da Casa da Muller viaxará a través do tempo para traer a escena “Mulleres na historia”.
A regueifeira Lupe Blanco, tamén artista e tamén de Coristanco como Asunción Antelo, será a encargada de presentar á “Rexubeira de Bergantiños”, para achegarnos un pouco máis á figura e á obra dun dos referentes culturais de Bergantiños. Pola súa banda, a cantante Silvia Losada interpretará unha canción dedicada a ela, mentres que Carmen Eiroa e Matilde Vilariño recitarán poemas da súa autoría. Os “Rexoubeos” de Lupe e Teresa dos Cucos pecharán unha xornada que se presenta, ademais de reivindicativa, moi emotiva. Ao remate, os e as asistentes ao evento poderán degustar uns petiscos de carne ao caldeiro, xentileza de Indicación Xeográfica Protexida “Ternera Gallega”, e serán agasallados/as, a modo de recordo, cun lote de libros de Asunción Antelo e “Camelias”, da Casa de Pondal.