luns. 15.09.2025
El tiempo

2ª FUTGAL: Empates que destilan a igualdade desta Liga da Costa

San Lorenzo-Sporting Zas-Foto-Luis Gonzalez
Imaxe do San Lorenzo-Sporting Zas, que asinaron un empate simbólico nas Pedreiras-Foto-Luis González
2ª FUTGAL: Empates que destilan a igualdade desta Liga da Costa

A Liga da Costa xa comezara a semana pasada co Muros-Soneira en Miraflores que deixou a vitoria local pola mínima. Pero foi este domingo 14 de setembro cando botou a rodar o balón para todos os equipos das Ligas da Costa.

A 1ª xornada deixou fermosos partidos, vitorias claras como a do Xallas (que se pon líder) ante a visita do Corme, ou do Outes na súa visita a un Platas Reinoso que espera con ansia a renovación do céspede.

Sorprendente vitoria do recén ascendido Malpica no Pinguel e difícil vitoria do Porteño na casa ante un bo Cabana. Polo demais, empates a repartiro para comezar o curso. Simbólico o empate das Pedreiras, que dá conta da igualdade coa que comeza o curso, ao ser un choque entre dous debutantes, un recén descendido da 1ª e outro recén ascendo da 3ª.

Baio - Outes (1-4)

11 do CD Baio 25-26
11 do CD Baio- Foto: CD Baio
  • Baio: Rodri, Pablo Rod., Norberto, Pazos, Chechi, Víctor, Alex Muíño, Manu Vila, Carreira, Rubén e Damián Zas. Tamén: Julián, Gabín, Lucas, Mamadou e Miguel Vidal.
  • Outes: Dani, Claudino, Babu, Jura, Alberto, Manel Carou, Kevin Lariño, Hugo, Martín e Keko. Tamén: Ramón Laíño, Adrián Caamaño, Eloy, Ivan e Hugo.
  • Goles: 0-1, m.20: Manel Carou dende 35 metros tras pegar no longueiro; 1-1, m.37: Pazos; 1-2, m.42: Manel Carou rouba, lanza ao poste no man a man e aproveita o rexeite; 1-3, m.56: Babu de penalti; 1-4, m.63: Manel Carou.

Partido máis igualado do que sinala o marcador no que a eficacia dos homes de arriba de Outes e os erros da defensa dos baieses decantaron o partido. Debutaban nos banquiños Diego Lobelos no local e Geno no visitante.

Os baieses saían mandando intentando combinar e mandar o balón dun lado a outro, ante un Outes que flotaba e esperaba saír con máis verticalidade. Nun roubo Manel Carou (fixo un partidazo tremendo o dianteiro da Serra aínda en idade xuvenil), pegou un zapatazo dende 35 metros que pegaba no longueiro, botaba e entraba na metade de Rodri Toja. O partido seguía igualado e Pazos conseguía empatar, pero de contado Manel Carou metía aos seus por diante aproveitando outro roubo en campo contrario.

Comezaba a segunda metade co Baio máis arriba, arriscando algo máis, pero unha pena máxima tras unha contra transformada por Babu e o terceiro de Manel permitía ao cadro de Geno deixar o partido visto para sentenza con aínda media hora de partido, no que cómpre destacar unha fermosa xogada combinativa do Outes e un remate pegado ao pau dos baieses.

San Lorenzo - Zas (1-1)

11 do San Lorenzo-Sporting Zas-Foto-Luis Gonzalez
11 do San Lorenzo-Foto-Luis González
  • San Lorenzo: Javi Souto, Samuel, Damián, Pablo Garrido, Iago, Manuel Rod., Alex Iglesias, Javi Pérez, Hugo Rey, Alex Vázquez, Alex Taibo. Tamén: Mario, Alberto Campos, Riki, Diego e Alex García.
11 do Sporting Zas en Verdillo-Foto- Sp.Zas
11 do Sporting Zas en Verdillo-Foto- Sp.Zas
  • Zas: Guille, Anxo, Moha, Joel, Juan Touriñán, Fran Gavín, Redondo, Salah, Brais, Pablo Pardiñas, Brais, Dani Mato. Tamén: Pereiras, Raúl Corzón, Mauro e Iago Estalote.
  • Goles: 1-0, m.26: Javi Pérez; 1-1, m.46: Salah.
San Lorenzo-Sporting Zas-Foto-SpZas
San Lorenzo-Sporting Zas-Foto-SpZas

Xusto empate no auténtico campo con sabor a Liga da Costa das Pedreiras, que ben demostra a igualdade coa que comeza esta Liga da Costa. O encontro arrincou con moito respecto por parte de ambos conxuntos, cun xogo disputado no centro do campo e sen apenas ocasións nos primeiros vinte minutos. Avisou primeiro o Zas de Rubén Forján e Pereiro cun par de chegadas, pero foi nese tramo cando un desaxuste defensivo do Zas permitiu ao cadro de Iván Rojo adiantarse cun tiro cruzado de Javi Pérez nunha boa combinación entre el e Taibo.

O gol non cambiou demasiado o guión: seguían chegando achegamentos a balón parado ou con disparos lonxanos, pero sen excesivo perigo, e así se chegou ao descanso co 1-0 no marcador.

Tras o paso polos vestiarios, o guión cambiou axiña. Nun balón longo, un erro defensivo local foi ben aproveitado por Salah (que tan boa temporada fixo o curso pasado co Cerqueda, a pesar das súas actitudes agresivas por momentos) que definiu con frialdade para poñer o empate.

Ese tanto abriu o partido: cos cambios tácticos en ambos equipos, o xogo converteuse nun continuo ida e volta. O Sporting Zas atopouse cómodo nese escenario e gozou dalgunhas ocasións claras, sobre todo nun man a man de Redondo que desbaratou o porteiro rival. Tamén marcou o partido un penalti reclamado polo equipo local no que acabaría o local Iago Garrido expulsado a 15 do final. Así e todo, os de Iván Rojo acabaron metendo ao Zas na súa área buscando o gol da vitoria.

San Lorenzo-Sporting Zas-Foto-Luis Gonzalez 2
San Lorenzo-Sporting Zas-Foto-Luis González

Monte Louro - Sofán B (1-1)

  • Monte Louro: Pedro, Miguel Verán, Héctor, Rodri, Pablo; Abel Rey, Oscar Fari, Josiño, Álvaro Fari, Iker e Javi. Tamén: Chouza, Xián, David Pais, David Lestón e Fabio.
  • Sofán B: Eloy Martínez, Samuel, Marcial, Asier, Mateo, Eloy Cabeza, Christian, Nachete, Raúl, Isma Ramos. Tamén: Adrián Vázquez, Diego Rama, Dani, Jonathan, David de Jesús.
  • Goles: 1-0, m.42: Álvaro Fari dende a frontal de fermosa volea; 1-1, m.88: Adrián Vázquez.
Monte Louro-Sofan B-Foto-Edu Olveira 1
Monte Louro-Sofan B-Foto-Edu Olveira

Partido moi físico, con moito ritmo o vivido en Agra da Filgueira que xa puxo ao filial do Sofán no que é a Liga da Costa. Os carballeses de Zalo comezaron comezaron fortes, chegando algo con bandas, pero sen ocasións claras, alén dunha de Nachete. Os de Bibi así e todo gañaban as disputas e xeraban perigo en rápidas transicións, como a que cazou Álvaro Fari ao fío do descanso, que enganchou unha volea dende fóra da área que se colou por riba de Eloy.

Gol de Alvaro Fari para o Monte Louro ante o Sofan
Gol de Alvaro Fari para o Monte Louro ante o Sofán B. Fotos de Edu Olveira 

Na segunda o partido xogouse no campo do cadro local, cun filial dominador que impuña o seu poderío, pero que non acababa de ter claras. Isma tivo unha ocasión clara nun man a man que salvaba Pedro, pero na outra área, tamén aparecía Eloy Martínez para salvar varios mans a mans de Íker, Javi e David Lestón tras tres pases maxistrais de Xián.

Cando parecía que os puntos quedaban en Louro, un centro de Marcial era rematado polo pichichi carballés, Adrián Vázquez para asinar o empate.

Monte Louro-Sofan B-Foto-Edu Olveira 2
Monte Louro-Sofan B-Foto-Edu Olveira

Porteño - Cabana (3-2)

11 do Porteno na Grixa 25-26-Foto-Parker
Primeiro 11 do Porteño na Grixa nesta 25-26-Foto-Parker
  • Porteño: Mariolo, Rodri, Brais Mouzo, Mayor, Baba, Iván Lema, Sandelo, Bruno, Alan, Martín, Yuyo. Tamén: Álvaro, Alfredo, Chipi e Joel.
111 do SD Cabana 25-26 en A Grixa
11 do SD Cabana na Grixa. Foto. Parker
  • Cabana: Diego, Aarón, Noe, David Rey, Ferreiro, Hugo Lema, Miguel, Blas, Xabi Parga, Diego Castro e Simón. Tamén: Mateo, Fernando, Julian, Brais e Pablo Pose.
  • Goles: 1-0, m.56: Brais Mouzo tras un córner a pase de Baba; 2-0, m.78: Bruno; 2-1, m.80: Pablo Pose; 2-2, m.91: Pablo Pose; 3-2, m.96: Baba.
Capis do Cabana e do Porteno na Grixa co arbitro Vtor Recarey.Foto-Parker
Capis do Cabana e do Porteño na Grixa co arbitro Vtor Recarey. Foto-Parker

Sufriu o renovado Porteño para sacar a vitoria ante un moi serio Cabana. Os de Alberto e Mayor (que fai de player/manager), tiveron que marcar no descontísimo para quedar cos puntos que remontara o cadro de Óscar Mingui tamén sobre os 90 regulamentarios, dando conta, de novo, da igualdade que se preve este curso.

Comezaba o choque na Grixa, con varios corners seguidos do cadro local, un deles rematado por Baba ao longueiro. O Cabana non se metía atrás, presionaban ben e intentaban facer dano polas bandas, pero o partido non sufría demasiado nas áreas.

Comezaba igualada a segunda ata que nun córner Brais Mouzo abría o marcador tras un pase de Baba. pero apenas uns minutos despois o Porteño quedaba con 10 polo segundo cartón de Iván. O Cabana subiu liñas pero unha magnífica xogada de Bruno que se marchou de 4 e marcou pola escuadra poñía o 2-0 que parecía definitivo.

Puido sentenciar aí o cadro da Ponte, cunha de Mayor dende o medio campo e varios remates de Bruno, pero o Cabana non perdeu a fe, e a falta de 10 minutos Pablo recurtaba cun golazo dende a frontal. Xa no desconto, nunha moi boa xogada de Blas, Pablo outra vez facía o empate, pero o partido aínda non morrera. Chipi avisaba e Baba, no 96, marcana noutro córner para delicia da bancada local.

O Porteño dedicou a vitoria a Sandelo, que tivo que saír do campo co hombreiro fóra do sitio.

Mazaricos - Corcubión (2-2)

  • Mazaricos: Isma, Luis Mayán, Borja, Chumiko, Sergio, Raúl, Yeray, Álvaro, Marcos, Steven, Kevin. Tamén: Samu Blanco, Molinos, Samu Lema, Marito e Fran Pose.
  • Corcubión: Bruno
  • Goles: 1-0, m.32: Yeray dende o borde da área; 2-0, m.50: Luís Mayán; 2-1, m.75: Andrésaproveita o rexeite do porteiro a unha falta de Iago Lema; 2-2, m.93: Isaac marcou un golazo tras unha deixada de Iago Lema.

Empate no Pino do Val tras un choque con dúas partes moi distintas. Comezou moi ben o novo Mazaricos de Raúl Periscal, creando perigo por todas partes, ante un Corcubión que non se adaptaba ao céspede do Peña do Ouro. Así foi, tras varios avisos, como chegaba o tanto de Yeray á media hora, que cazaba na frontal un balón chegado por banda para abrir o marcador.

Nada mais comezar a segunda marcaban os amarelos por medio de Luís Mayán, pero aí pegaron un baixón os locais, e o cadro de Ángel Ventanas e Isi comezaba a carburar, a tocar con algo máis de paciencia e a entrar por bandas. Avisaron por dúas veces ata que a 15 do final, Andrés aproveitaba un rexeite para meter aos branquiazuis de cheo no partido. Andrés volvía ter unha ocasión e xa no desconto, Isaac marcou un golazo tras unha deixada de Iago Lema para facer o empate. Aínda pediu o Corcubión un posible penalti no decsontísimo sobre Iago Lema, pero o partido finalizaba co empate.

Ponteceso - Malpica (1-3)

11 do SD Ponteceso 25-26

  • Ponteceso: Sergio Mourelle, Juan Rey, Pedro, Luca, Dani Rod., David Lema, Iván Rod. Alberto Recarey, Eloy Álvarez e Mendieta. Tamén: Anxo, Ures, Musa, Neira e Mario.

11 do SCD Malpica 25-26

  • Malpica: Abdou, Anxo, Pablo, Damián, Cristian, Luís, Garci, Camilo, Aday, Chicha e Pape. Tamén: Brais Calvo, Adrián pose, Raúl e mario.
  • Goles: 0-1, m.40: Aday de cabeza a centro de Chicha; 1-1, m.42: Eloy Álvarez; 1-2, m.68: en propia; 1-3, m.85: Brais Calvo.
BO ambiente no Pinguel para o Ponteceso-Malpica
Bo ambiente no Pinguel para o Ponteceso-Malpica. Foto: SCD Malpica

Enfrontábanse no Pinguel o cadro de Jorge Guillamet e o de David Baña, recén volto á Liga da Costa, e deixaron un bo partido. Saía o cadro malpicán máis intenso, ben situado, roubando en campo contario e xerando ocasións como os dous mans a mans e un tiro ao pau de Pape. Antes do descanso rompíase o partido, cun tanto de Aday a centro preciso de Chicha, e co empate de contado por parte de Eloy Álvarez tras un man a man que nada puido facer porteiro Abdou.

Comezaba a segunda parte mellor o Malpica ante un Ponteceso menos errático. Chicha avisaba cun balón ao pau, antes de meterse por diante nu córner que se lle colaba ao meta local ante a presión de Garci. Presionaba o cadro local, pero nun contra, Luís ponlle o balón arriba a Brais e marca un auténtico golazo de bote pronto e pincandolla ao porteiro dende fóra da área, deixando o partido visto para sentenza.

Xallas - Corme (4-0)

11 do Xallas en Fontenla 25-26
11 do Xallas en Fontenla 25-26
  • Xallas: Iván Couto, Elvis, García, Adrián, Yago Facal, Dani Barbeira, Bryan, Dani Barbeira, Doro, Rubén Sande, Rubén Blanco, Sergio Barbeira. Tamén: Macareno, Martín, Adrián Couto, Íker.
  • Corme: Quique, Hugo Paredes, Pandi, Aitor, Mauro, Teo, Borja Torrado, Yago, Lucas, Isra e Samu Costa. Tamén: Brais Paislos, Diego, Cesáreo, Xoel, e Álvaro Sanz
  • 1-0, m.8: Bryan de golazo pola escuadra; 2-0, m.34: Doro define con calidade; 3-0, m.53: Macareno a perna cambiada; 3-0, m.68: Bryan de fermosa vaselina.

 

Gran partido do Xallas de Doriño, que dominou o partido ante un Corme de Ángel Pérez que aínda está en formación, con toda esa xente que traballa o verán na hostalería e tense que poñer en forma. Comezaba mandando o cadro local que pronto se adiantaba da man de Bryan, que volvía a casa tras pasar polo Mazaricos, e que foi o home do partido cos seus dous goles.

O equipo xalleiro sufría a lesión de García, que esperan que non sexa nada. Con todo, Doro demostraba a súa calidade facendo o segundo á media hora ante un Corme que cometía erros grosos atr-as

Na segunda aparecía Iván Couto para facerlle un paradón a Lucas nunha pena máxima, e malia quedar con 10 pola expulsión de Elvis, o cadro verde non sufría demasiado, e sentenciaba cun tanto de Macareno e o segundo de Bryan, ambos de bela factura.

Máis información

Comentarios