Evento
Brincacontos na Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros

A “XIII MOSTRA DE TEATRO XOSÉ AGRELO”, organizada polo concello de Muros, coa colaboración dos grupos de teatro amador, os centros de ensino do municipio e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, segue a desenvolverse en Muros. Esta semana trae a representación do espectáculo “A máquina do tempo”, destinadas a escolares, e o vindeiro sábado, día 11, destinado a público familiar, representarase no centro cultural da vila o espectáculo de teatro amador, “Brincacontos”, do grupo Andaravía Teatro, que pola súa traxectoria se pode considerar un dos principais grupos de teatro amador a nivel galego. De Andaravía teatro temos que destacar que é o organizador de un dos festivais de teatro afeccionado de máis sona de Galicia, Teatrofilia.
Sábado, 11 de maio, 18:30 h.
ANDARAVÍA TEATRO, DA ASOCIACIÓN CULTURAL PAPAVENTOS DE VEDRA, “Brincacontos”
Brincacontos é unha obra, na que un grupo de actores de Andaravía teatro, caracterizados de bruxas, contacontos, e pequenos animais (lombriga, formiga e grilo), nos axudan a comprender diferentes fenómenos naturais por medio dos contos.
A Asociación Cultural Papaventos naceu no 1988 e dende o comezo, unha das súas actividades fundamentais foi o teatro. En 1992 quedaron finalistas no Certame de Teatro Afeccionado da Xunta con O Achado do Castro. Unha das súas principais actividades é a organización da Mostra de teatro “Teatrofilia”, que se celebra cada ano na primavera, e na que tén participado o grupo local Aquelando teatro. Andaravía tamén tén estado xa noutras ocasións na Mostra de teatro Xosé Agrelo, de Muros, demostrando sempre un excelente traballo enriba das táboas; mais esta será a primeira vez que escenifiquen unha obra destinada a público familiar.
Máis actividades
Nas dúas vindeiras semanas o programa continúa coas propostas dos diferentes grupos locais:
- martes 14 de maio, 11:00 e 18:30 h.- GRUPO DE TEATRO DO CENTRO OCUPACIONAL DE VALADARES “”e alumnado de 6º do CEIP. RAMÓN DE ARTAZA “A traxedia do bosque”
- mércores 15 de maio, 11:00, 12:15 e 18:30 h.- OBRADOIRO DE TEATRO MUROS “A Bela adormecida”
- venres 17 de maio, 21:30 h.- O QUE FALTABA TEATRO DA A.VV. O FERROLLO DE TRASDACOSTA “A tía solteira”
- sábado 18 de maio, 18:30 h.- Presentación libro AGRELO HERMO, X. “Cousas de Pepe” 19:00 h.- Escenificación GRUPO DE TEATRO O XEITO “Contos e Cousas de Pepe”
- sábado 25 de maio, 21:30 h.- AQUELANDO TEATRO DE MUROS “Bailamos”.
Ademais o venres 17 de maio, ás 18:30 horas, co fin de celebrar de xeito especial o Día das Letras Galegas, a compoñía GHAZAFELHOS realizará o espectáculo de rúa “Acuario”.