Venres. 19.04.2024
El tiempo
que pasa na costa

Evento

Concurso de Comparsas do Entroido de Camariñas 2020

24/feb./2020
19:30 h
entroido 2020 AC_web
Concurso de Comparsas do Entroido de Camariñas 2020

Completo programa de actividades para o Entroido no que a principal novidade está na celebración, por primeira vez, do Concurso de Comparsas na Ponte do Porto, ademais do tradicional de Camariñas. Polo tanto nesta edición volve a aumentar a contía dos seus premios repartindo 4.800 euros en total.

Na Ponte do Porto celebrarase o Concurso o domingo, 23 de febreiro, e en Camariñas será o luns, 24 de febreiro. En ámbolos dous certames poderán participar as 12 primeiras comparsas que se inscriban no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica. As restantes quedarán nunha lista de reserva. O prazo está aberto desde mañá, 11 de febreiro, e ata o mesmo día dos Concursos (no caso da Ponte do Porto será ata o venres anterior) e as comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 10 persoas.

Na Ponte do Porto repartiranse 2.000 euros. As contías do concurso serán de 300 euros para o primeiro premio, 200 euros para o segundo e 175 euros para o terceiro. Ademais, as comparsas que non resulten premiadas recibirán unha axuda económica de 10 euros por cada persoa participante ata un máximo de 100 euros.

Neste caso, o concurso consistirá nun desfile, con saída desde o paseo ás 11 horas para chegar ás 12 horas ao pavillón municipal e alí levarse a cabo a actuación de cada comparsa.

No certame de Camariñas a contía dos premios ascende a 2.800 euros. Están divididos en 700 euros para o primeiro premio, 500 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro. Ademais, as comparsas que non resulten premiadas recibirán unha axuda económica de 10 euros por cada persoa participante ata un máximo de 150 euros.

O concurso consistirá nun desfile, con saída ás 19:30 horas da Praza do Concello e que percorrerá diferentes rúas da parroquia ata chegar ao Pavillón Municipal, onde ás 20:30 horas horas comezará a actuación sobre o escenario.

Ao remate das actuacións, que deberán ter unha duración de entre 5 e 20 minutos, un xurado formado por persoas designadas polo Concello será o encargado de designar os gañadores, valorando a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, decoración e posta en escea.

Entroido en todas as parroquias

O Concello programou actividades de Entroido en todas as parroquias. Así, comezarán o domingo, 23 de febreiro, en Xaviña. A partir das 16 horas instalarase unha carpa na praza da Igrexa onde actuará o Dúo Ciclón, haberá concurso de disfraces (individual, parellas e comparsas) e tamén se repartirán chocolate, orellas e filloas.

O luns, 24 de febreiro, será a quenda para Camelle. Alí instalarase unha gran carpa na que haberá inchables, música, chocolate e doces. Por último, o martes 25 de marzo, a festa terá lugar ás 16:30 horas no Pavillón Municipal de Camariñas, onde haberá música e tamén inchables, chocolate e doces para todos.

Enterro da sardiña

Para poñer punto e final aos festexos do Entroido, o sábado 29 de febreiro organizarse o Enterro da Sardiña. Os actos comezarán ás 17  horas na Casa de Pedra cun Velatorio, ás 17:30 horas haberá unha Marcha Fúnebre coa batucada Malandros, e ás 18 horas, na praza do mercado, terá lugar o enterro e os asistentes poderán gozar dunha gran chocolatada.

Neste evento colaboran ‘As Choronas’ e a Asociación Cultural ‘A Caramuxa’.

Comentarios