Mércores. 18.09.2024
El tiempo

Evento

Teatro en Muros

19/nov./2016 a 19/nov./2016
21:30 h a 21:30 h
Teatro en Muros
O ESPECTÁCULO “OS CONTOS DE JOSELÍN” ESTARÁ NO CENTRO CULTURAL DE MUROS ESTE SÁBADO, DÍA 19, ÁS 21:30 Día e hora: sábado 19 de novembro, ás 21:30 h Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros Actividade: Teatro.Contacontos - “Os contos de Joselín” Espectáculo baseado no libro Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954), fai estalar o riso en todas as xeracións, dos maiores aos máis pequenos, sen distinción. “Os Contos de Joselín” é un espectáculo de a Central Folque cos contadores -e cantadores- Quico Cadaval, e Celso F. Sanmartín Na busca dun teatro de actualidade, lúdico, crítico e aberto á interacción co público, Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, volven os ollos sobre a súa tradición: a dos contacontos. Unha historia aínda non contada na que se agochan incríbeis figuras como a de Joselín, o narrador galego de máis éxito de todo o século XX. Joselín foi un home versátil e contraditorio: admirado polos galeguistas republicanos e condecorado polas ditaduras, ídolo de masas en Bos Aires, guionista de cine en Madrid, supervendas discográfico, cos seus vinte e tres ‘contos galegos’ gravados. Cadaval e Celso funden con enorme habilidade as súas narracións, e dan renda solta á súa capacidade de improvisación narrativa para dar forma a un espectáculo no que evocan a Joselín, nas súas facetas de contador e cantador de historias, e no que abordan temas de actualidade establecendo, en colaboración co público, un circuíto de información alternativo. Neste espectáculo recupérase a tradición oral e ofréceselle ao público actual acompañada dunha proxección de imaxes históricas de Joselín, e da oportunidade de oír un conto gravado na súa voz. Quico Cadaval Actor, director e adaptador teatral, foi o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Comezou na interpretación teatral a fins dos setenta no Centro Dramático Galego, para, a mediados dos oitenta, fundar a súa propia compañía, “O Moucho Clerc”. Traballou en diferentes producións da televisión autonómica galega, así como en curtas e longametraxes. Continúa a traballar no audiovisual e no teatro como actor, director e guionista. Celso F. Sanmartín Contador de contos e historias de tradición oral, é o continuador do movemento xurdido en Galiza nos anos noventa. Os seus contos enraízan coa terra e coa tradición oral da súa comarca e destaca polo seu carácter xenuíno. Quico Cadaval é tamén o director artístico deste espectáculo, que ofrece ademais imaxes de época de Joselín, do que se escoita un conto na súa voz. As entradas, con un prezo de 3,50 €, xa están a venda nas oficinas do centro cultural. Espectáculo incluído na Rede Galega de teatros e auditorios.
Comentarios