sábado. 24.05.2025
El tiempo

Evento

Teatro en Muros

17/nov./2018 a 17/nov./2018
9:30 h a 6:00 h
Teatro en Muros
Día e hora: sábado 17 de novembro, ás 21:30 h Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros Actividade: Teatro – Xoré Teatro - “Pementeiras” Este sábado 17 de novembro, a compañía Xoré teatro, chega a Muros coa súa produción “Pementeiras”. Quíxose programar nestas datas con motivo da celebración do día contra a violencia de xénero; pois trátase dunha historia de empoderamento feminino, protagonizada por Ana Domínguez Chouza e Rebeca Oliveira García e dirixida por Ramón Torrente García. Pementeiras narra a historia de dúas amigas que teñen un pensamento moi diferente da realidade social na que están inmersas. Sofía, unha muller nova, que ten grandes inquedanzas e ganas de loitar polo seu recoñecemento persoal e profesional, e anímase a participar en calquera proxecto que mellore a súa situación actual. Por outro lado, Dosinda, unha muller tradicional arraigada aos valores do patriarcado non amosa ningún interese en mellorar a súa situación social e familiar, xa que para ela as cousas sempre foron así e non deberían cambiar. Durante o desenvolvemento da obra, Sofía faille ver a Dosinda a situación na que se atopa e axúdalle a iniciar un proceso de reflexión persoal que lle deparará grandes cambios, tanto no ámbito familiar como laboral. Pementeiras, é un proxecto pedagóxico teatral que ten como obxecto potenciar a igualdade a través do empoderamento feminino. Durante a obra ponse en escena a situación das mulleres pementeiras; que se pode extrapolar ao resto de mulleres da nosa xeografía galega que traballan en explotacións similares, para axudarlles a recoñecer o seu labor e deste xeito conseguir que sexa máis valorado pola sociedade e o por elas mesmas. A compañía Xoré Teatro créase en novembro de 2013, como culminación do traballo desenvolvido dende o ano 2008 en temas relacionados coa intervención educativa e social con diferentes colectivos. Aposta polo teatro para a elaborar e difundir mensaxes educativas como mecanismo para a transformación persoal e social. O seu obxectivo é facer un teatro accesible para todas as persoas, apostando por un enfoque pedagóxico e de crítica social. As entradas, con un prezo de 2,50 €, xa están a venda nas oficinas do centro cultural. O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Comentarios