luns. 21.07.2025
El tiempo

Corcubión enléase pola humanización de 100 metros

Antes e despois da peonización da Praza Castelao
A praza Castelao, con e sen coches
Corcubión enléase pola humanización de 100 metros

Volve enfrontarse Corcubión entre si. Desta volta, como o ano pasado, por mor do proceso de humanización da praza Castelao. O chamado plan de recuperación do espazo público propón eliminar os coches, durante as tardes de verán, nun 100 metros da praza do corazón da vila de San Marcos. Un proceso que trata, como todos os que levamos defendendo dende QPC, devolver as rúas á veciñanza, ás xentes, aos peóns.

Un proceso que custa en todas as vilas, que atopa os seus detractores, principalmente veciñanza que entende que se lles está coartando a liberdade de aparcar diante das súas casas, e oportunistas que tratan de crear máis ruído, no canto de axudar a solventar as diferentes. E en Corcubión, como custou en Allariz no seu día, ou en Carballo, tamén está custando.

Tralo convulso ensaio do ano pasado, o grupo de goberno do BNG comezaba a finais de xuño un novo intento temporal, e convocaba unha reunión veciñal para informar da iniciativa. A idea era instalar varias cámaras dunha empresa, que controlasen o tráfico no centro da vila, e detectasen e multasen, a partir das 15:00h da tarde, os vehiculos de veciños que non estean empadroados en Corcubión ou que non paguen o imposto de vehiculos de tracción mecánica na vila. A custe cero, e movendo un par de macetas, o proxecto trata de evitar que as xentes que cheguen de fóra ocupen o pequeno e fermoso casco vello da vila, aproveitando a zona que espera pola unión dos paseos marítimos de Cee e Corcubión (Costas segue dilatando a obra tralos acordos aprobados nos dous Concellos) e acondicionalo como aparcamento disuarorio con 70 prazas (a 600 metros, 8 minutos a pé, da propia praza Castelao).

A relidade é que se suprimen unha ducia de prazas de aparcamento entre o Pazo e o antigo Banco Pastor, tendo en conta que a zona dende Augas ata o Ribeiro xa está adicada só a carga e descarga. Apenas 100 metros de praza, ademais de controlar tamén as ruelas do Campo do Rollo, e intentar asegurar que só os vehículos da vila poidan entrar no centro.

A proposta do goberno pretendía, e pretende, ir probando o proceso, para levar a pleno unha ordenanza municipal que xa permita levar adiante a humanización de xeito oficial e de xeito indefinido.

Pero o proceso complícase, e se hai veciñanza que está dacordo, se os negocios van entendo que esta é unha medida que lles vai beneficiar de xeito exponencial; hai outra xente que se amosa reticente e entende o proceso de humanización como unha verdadeira afronta.

Así se traslada da doble moción presentada no pleno do pasado venres polo PSOE e polo PP, que se uniron para intenrar tumbar o proxecto de humanización. Os grupos da oposición uníronse ás queixas de parte da veciñanza, critican a falta de consenso, e consideran que o proceso “carece de base legal”, ao que o grupo de goberno respondeu que para accións temporais o proceso é correcto. Unha posición que critican dende o BNG: “é penoso que o PSOE se una ao PP neste tema; predicaron que estaban a favor da humanización pero agora actúan de xeito contrario rexeitando o plan do goberno local”, sinala o rexedor Xavier Domínguez “Drok”.

Do lado de PSOE e PP en contra do proceso de humanización tamén se situou o grupo de Sempre Corcubión, que critica a falta de debate cos grupos da corporación, que ten dúbidas sobre a necesidade ou non da ordenanza e sobre a empresa que xestiona as cámaras e recauda en función da porcentaxe das multas.

Mesa de traballo para sacar adiante unha ordenanza

O grupo de goberno, que entende que é un proxecto do seu programa electoral do 2023, asegura que vai continuar adiante con esta transformación urbana. Entenden que as mocións non son vinculantes e van seguir adiante co proxecto, tendendo a man aos grupos da oposición para crear unha mesa de traballo para crear unha nova ordenanza e facer indefinido o marco peonil na praza da vila.

Máis novas sobre o proxecto

Comentarios