MIMÁ: A nova marca de música avanzada na Costa da Morte


Comeza o ano pero xa empezamos a escoitar os primeiros ecos do verán. Ecos en clave de música, como os primeiros nomes do VdeValarés, ou como a ameaza electrónica que se nos vén enriba.
”MIMÁ é unha nova marca de música avanzada que nace na Costa da Morte”. Así se presentan estes rapaces de Muxía, compañeiros de organización do Festival Comarea (que este ano tamén dará que falar!), e que pretenden espallar a música electrónica por toda a comarca. Pensan facelo con varias datas e lugares, non só cun único festival, e en breves darán os datos da primeira festa do ano.
”É un proxecto de futuro xa que consideramos que fai falta fomentar a música electrónica na Costa da Morte”, explícannos os organizadores. “En moitos lugares da península e no estranxeiro, esta música é unha especie de relixión. E aquí, somos conscientes que é un estilo de música que ten moitos seguidores, e por iso queremos que disfruten asistindo a eventos próximos ás súas casas e escoitando a artistas do panorama internacional. Facémolo por e para a xente, para que se divirta, que nesta vida é necesario pasalo ben e disfrutar cos amigos e boa música”.
Estaremos atentos pois a Axenda Sonora da Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).