A praciña da memoria
09:17 21/08/18

"Somos nuestra memoria, somos ese quimérico museo de formas inconstantes, ese montón de espejos rotos"
- Jorge Luis Borges -
Este sábado 18 na praciña do olvido fíxose unha homenaxe á memoria. Á memoria dos esquecidos. Dos que sufriron dando até a vida pola liberdade. Aos que sufriron a perda irreparábel dos seus seres queridos. Aos que sufriron a cacería humana nos tempos da ditadura visíbel... Foi alí, na praciña do Olvido. En Cee. Unha praciña que pouco a pouco estase a converter na praciña da memoria... Alí, xentes boas e xenerosas tomaron a palabra... E para que serve a palabra se non é para situar, describir, dar luz á escuridade que nos queren impoñer os que aínda levan o odio e o rancor incrustados nos ollos... O acto organizado por compañeiras e compañeiros do BNG de Cee polo Día Da Galiza Mártir estase a consolidar como un día onde a liberdade, o amor polo propio e a sinceridade é bandeira... Mentres falaban os poetas, os escritores, os políticos, os investigadores valentes que sacan á luz nosa historia, unha pomba pousábase, as gaivotas chiaban e unha casa abría de par en par as xanelas como respirando ar fresco como aliviada de tanto odio sufrido... O sábado 18 non só se fixo unha homenaxe. Fíxose xustiza. Fíxose liberdade. Fíxose palabra. Xuntos para lembrar que sermos povo... Eu marchei esa noite orgulloso e fachendoso de todas e todos os que alí estiveron... Orgulloso da palabra... De volta á casa, lembrei aqueles versos de Uxío Novoneyra "A forza do noso amor non pode ser inútil" E soñei cun mundo mellor...- Alexandre López Romero (Un pai normal e corrente, e as veces ocorrente).
Artigos de Alex López Romero
- Esconxuro.
- Xente Pequena (II).
- Daaasmeee uuun peeesooo.
- Monólogo do Apalpador.
- Un artigo para xente pequena (I).
- Free Jazz.
- Paterson.
- CPX!.
- Muiñeira triste de Fisterra Blues.
- De voitres, escorias e da necesidade de soltar malos fumes.
- Hachikí!.
- 5 temas e un bonus track.
- Estimados quen sexades de Hazte Oír.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)