Domingo. 13.10.2024
El tiempo

Muiñeira triste de Fisterra Blues

Muiñeira triste de Fisterra Blues

"Hai moitos xeitos de tocar blues, mais sempre será blues." Count Basie

Cartel do I Fisterra Blues Experience 2017

No principio todo foi jazz ou foi blues. Dúas polas dunha mesma árbore. Dúas polas dunha mesma raíz negra que medrou e evolucionou no tempo dando lugar a toda ou case toda a música moderna tal e como a entendemos até o de agora.

Recoméndovos unha serie de documentais producidos por Martin Scorsese que recolleu para a ocasión a directores da talla de Win Wenders, Clint Eastwood, Marc Levin, Richard Pearce, Mike Figgis, Charles Burnet e o propio Martin Scorsese que fan un percorrido pola esencia e espírito do blues amosando toda a súa influencia na música actual.

O blues ao contrario do que se poida pensar é música de raíz, é folk. Moitos quedarían abraiados ao comprobar as analoxías coas nosas raíces galegas algo que xa se decatara Alan Lomax facendo recolleita destes sons ao longo e ancho do mundo antes que desaparecera para sempre. Corcubión incluído.

Porque o blues nace da terra, do espírito, da natureza, da alma, do estómago atreveríame a dicer. Pouca diferencia hai, sendo tan diferentes, na inspiración que un cantante de blues nos campos de algodón con un fadista nunha taberna no noso país irmán ou unha das nosas pandeireteiras que tocaban nas aldeas e vilas dende tempos ancestrais. Porque a súa música emerxe libre da mesma raíz. Da necesidade de expresar o seu lugar no mundo. Da desesperación de berrar a voz de seu. Da vontade de dar renda solta á dor...

A dor que nos fai vivir, sentir e soñar...

En definitiva, ser humanos...

Pensades que esaxero?

Ouvide ben de vagar e sen presas unha muiñeira e un blues do Missisippi, por pór un exemplo. Facede un percorrido pola música folk do mundo e acharedes as similitudes.

O blues a música protesta que naceu da escravitude dos campos de algodón ven planeando doce e soturno polo atlántico para pairar aquí, neste mes de xuño, na fin da terra, no principio do mundo.

Un acontecemento que intúo dará moito que falar

Un acontecemento do que pensei que debería falar

Medre o blues!

 
  • Alexandre López Romero (Un pai normal e corrente, e as veces ocorrente).

Novas relacionadas

 

Artigos de Alex López Romero

Comentarios