Martes. 23.04.2024
El tiempo

Paterson

"Iso foi o que me deches: Eu convertinme en cigarro, e ti en fósforo, ou eu en fósforo, e ti en cigarro, brillando con bicos ardendo cara ao ceo"

Ron Padgett

  Paterson. O último filme de Jim Jarmusch é ademais dunha fermosa metáfora da vida. Unha delicia cinematográfica. Un deses filmes que un queda cravado no sofá após os créditos finais. Rumiando todas as sensacións. Mastigando todas as emocións que un vive ao longo dos minutos de metraxe. Paterson fala da vida cotiá dun condutor de autobús que é poeta. Escrebendo nos parénteses da súa vida. Súa vida trasncurre na rutina dos días. Almorza cereais. Escrebe poemas antes da comezar a ruta. Escoita as cuitas do seu compañeiro. Está atento as conversas que cada día lle ofrece as persoas sentadas nos asentos. Observa as vidas duplicadas e repetidas. Fala co seu caderno a soas. Pasea polas rúas da súa cidade, Paterson. Paterson. O último filme de Jim Jarmush é ademais dunha fermosa metáfora da vida. É un poema en imaxes. A cámara vai percorrendo as rúas decadentes. A poesía do día a día. A necesidade de expresarnos. De fuxir das cadeas invisíbeis. Das telarañas do tempo. Paterson. Nunca protesta. Só escrebe para el. É o seu monólogo interior. O seu xeito de ver o mundo. A súa necesidade. Paterson. O último filme de Jim Jarmusch é poesía e é vida e é metáfora. Porque a vida é só iso; Un misto que un día prendemos ardendo nas madrugadas. Iluminando toda a escuridade ofrecéndonos toda a súa luz de fósforo. Até que se apaga e só queda na memoria. E se pensades que este artigo fala só de cinema. Ou de poesía. Ou da rutina dos días... Mercade unha caixa de mistos. Prendede. Ficade calados e quedos. Observando. Até que se apague... E entenderedes todo o que acabo de escreber.
  • Alexandre López Romero (Un pai normal e corrente, e as veces ocorrente).
 

Artigos de Alex López Romero

Comentarios