Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Xente Pequena (III)

Xente Pequena (III)

"hai que ter verghoña para faser o mal. Nunca para faser o ben" - A Cuncheira de Sofán -

Alex Romero Lopez Alex López Romero falando da súa Xente Pequena

A primeira vez que sentín a forza da palabra mesturada coa música foi xa tantos anos que xa case nin me lembro.

Si lembro de varias veces que o corazón e encolléuseme cando a palabra era feita música e a música feita palabra...

Fran Hermida, amigo de sempre, de moitas aventuras compartidas, facía os seus primeiros conta contos no Sirena. Hoxe Quenxeiro. As xentes relacionaban conta contos con humor. El sabe facelo ben, moi ben. Mais aínda estreméceme o corpo enteiro cando lembro como deixou mudo a taberna a golpe de fado. Cunha historia persoal. Unha bomba emocional. Unha reivindicación de si mesmo...

Esa noite marchei tocado e orgulloso a partes iguais. Sempre penso nesa instantánea cando agora, eu, véxome cun micrófono e un atril aos meus pés...

Teño a sorte de seguir brindando con el cando o seu micro na Ser descansa e atopámonos pola nosa vila. A vila que defendemos con unllas e dentes...

Nos 90 debín tragar máis recitais de poesía dos que son recomendábeis para a saúde. A forza das poetas e poetas que recitaban nos bares, nos castelos, nos palcos das festas era como unha onda vital derrubando todo tipo de prexuízos. Construíndo universos...

Tiven a sorte de brindar con moitos deles...

Suso Bahamonde era distinto. Tiña un universo diferente. Universo no que me sentín identificado dende o primeiro momento en que comecei ler seus versos. Suso mestura rock e poesía facéndonos entrar en barrena, chuspíndonos na cara a súa rabia. O seu carrusel emocional. O seu universo en expansión. A súas mil galaxias máis. Se nunca os vistes, deberiades facelo. É bon para a alma. É o mellor antídoto para superar a tontería a que nos leva este mundo frívolo e superficial...

Con el recitei un man a man (na que me dou unha malleira) e un cameo en The Inversos...

Agora tantos anos despois, brindo con el nas esquinas da noites underground sabor a rock...

A enerxía veu dar unha volta a Costa da Morte. Ficou e transformouse en Adhara.

Adhara  Caamaño ten a mirada profunda e sincera das que levan a verdade por diante. A humildade por bandeira e a palabra familia no peito. A súa enerxía non é deste mundo. A súa xenerosidade non é desta galaxia. Ela berra meu nome cando, co proxecto musical Adhara & Ritman, canta por Galiza adiante e pide sempre un aplauso.

A min, o que me gostaría sería ser capaz de aplaudirlle a ela, a eles, até que se derrubara todo. Até ser capaz de ofrecerlle un mundo libre.

Esa utopía pola que os dous loitamos...

Os Almánimal son a mellor banda que pariu esta zona. E non só porque sexan bos, moi bos, senón pola súa filosofía de vida. Unha enorme familia que acubilláronme na súa casa convidándome a ser parte dela. Ti és parte de nós, dinme. Unha batería de bondade amañando o mundo a base de riffs de guitarra, rock & roll e complicidade.

Facendo rock para acadar ese mundo libre que todos soñamos...

En outubro sacan seu primeiro traballo. A min non me dá chegado a telo entre as mans...

 

Hai moitos máis. Xente pequena sacrificando seu tempo para loitar polo que cren. Eu elixín aos nomeados por xustiza.

Porque sentín o deber de facelo...

Hai moitos máis, mais sería moi longo nomealos a todos. Nomealas a todas.

Con todos eles tiven a sorte de facer algo. Abrázanme cando me ven. Fanme sentir partícipe das súas vidas...

E sinceramente, queríalles ofrecer estas palabras...

Palabras sinxelas e insuficientes, mais feitas dende o corazón...

Agora, cando eu mesmo me vexo recitando coa música e a palabra. Cando Elías Outes me ofreceu o mellor agasallo que unha persoa pode ofrecer. A súa xenerosidade infinita e altruísta. A súa música acompañando meus versos. Gañando batallas. Converténdome nun bluesman con Hector Lera e uns calquera. Dándome voz. Reconstruíndome. Reiniciándome...

Quizais nin sequera sabía que tiña esa necesidade. Que ía ser capaz de recitar nas tabernas. Enfrentarme aos meus medos...

Quizais o que sempre busquei foi esa sensación, ese sentimento demoledor que sentín cando ouvín a música e a palabra mesturada por vez primeira...

Quizais eu só sexa o resultado de escoitarvos a todos vós. De tantas lecturas nas bibliotecas, de tantas músicas na habitación adolescente. De admirarvos nos acordes da nosa intrahistoria...

Ao final decátome que acabei falando de min. Quizais é que falando de min e como mellor sei falar de vós...

Sentín a pulsión de escreber estas palabras...

Aquí están...

Porque eu son eu e a construción colectiva que fun acumulando ao longo dos anos...

Viva a música!

Viva a palabra!

Viva a poesía!

Viva a xente pequena!

Brindemos polas noites bebidas...

 
  • Alexandre López Romero (Un pai normal e corrente, e as veces ocorrente).

Artigos de Alex López Romero

Fonte

Comentarios