Domingo. 26.09.2021
El tiempo
Ana Gil Rey
12:37
15/01/21

Maldita rutina

Maldita rutina

Primeiro artigo de 2021, ano no que promete moito e no que en contrapartida, queda moito que facer; entre outras cousas intentar arranxar os estragos que causou o previo.

Fai un ano todavía non comezara nada disto, pensarádelo? Vivíamos coa normalidade que hoxe anhelamos pero que naquel entón calificábamos como maldita rutina. Pode que se nos faga incluso raro imaxinarnos a todos sen mascarilla pola rúa, visitando aos amigos que acaban de volver dunha viaxe a outro país ou saltando nalgún concerto multitudinario.

Pola contra, en pouco tempo tivemos que habituarnos a unha serie de medidas que nun principio nos fixeron botar as mans á cabeza e hoxe, forman parte do noso día a día. Mais non é a capacidade de adaptación que posuimos os seres humanos o que quero resaltar senon o que extraemos de todo isto. Veñen moitas cousas á cabeza pero creo que todos coincidimos en que algo nos ensinou o 2020 é é que non debemos deixar pasar as oportunidades, isto é, que as cousas hai que collelas no momento que se presentan. Somos moi dados a procrastinar, a deixar ese café pendente, a adiar ir a tal sitio ou facer algo  porque xa o faremos máis adiante.

Estes meses, cantas viaxes vos arrepentíchedes de non ter feito? Con cantas persoas lamentáchedes non ter tomado ese café pendente? No momento de decidir pensamos que sempre hai tempo. É unha especie de crenza á que nos aferramos os seres humanos, a de que só a nós nos corresponde controlar as agullas do reloxo. Nós decidimos como e cando usar os nosos minutos libres. Non queremos imprevistos, temos os nosos esquemas listos para que todo pase tal e como nos pensamos que vai a pasar. Así, damos por feito moitas cousas, por exemplo, que as persoas estarán sempre aí ou que sempre podemos ir ao cine o mes que vén.

Equivocámonos porque ben, pode ser que estean pero  por calquer motivo co que non contábamos non poidamos velos ou ben, por calquer outro motivo como por exemplo, que xa non queiran vernos. Convén recordar que as persoas non teñen que evolucionar ao mesmo tempo ca nós nin adaptarse ao papel que nós queiramos darlle na nosa vida. Non estaría mal que tivésemos presente que pensan por sí mesmos, que establecen as súas prioridades e que estas poden non coincidir o máis mínimo coas nosas…  e está ben! Falamos entón de que alguén nos fire ou nos decepciona por non cumpriu o que esperabamos del. Porén o que temos que ter claro sempre, é que nunca, por querer agradar aos demais actuemos de tal maneira que rematemos por desagradarnos a nós mesmos. 

Volvendo ao tema de adiar (que me enredo con outros temas), o mesmo pasa coas viaxes e cos lugares… Hai sitios que agardan por nós pero hai outros aos que xa non será igual ir. Isto é non tanto porque se produzan modificación no lugar, diría máis ben que  os que cambiamos somos nós mesmos. Non percibimos igual as cousas nin teñen o mesmo significado para nós hoxe, que hai dous meses. Por que? Porque temos máis información, porque non somos seres estáticos senón que tamén evolucionamos e con nós a nosa maneira de pensar e de ser. En resumo, acudindo ao sabio refraneiro popular, non deixes para mañá o que poidas facer hoxe, pois ás veces entre plans, expectativas e preocupacións diarias, esquecésenos  que o máis importante de todo é vivir.

  • Ana Gil Rey, Graduada en Dereito pola USC. Actualmente cursando a Cátedra de  Sostibilidade e Innovación Social Inditex-UDC. Escribo dende o mar, o cal confire maior movemento as accións e maior sosego ás palabras. Entusiasta sempre!

Outros artigos de Ana Gil Rey

comentarios