Mércores. 24.04.2024
El tiempo
09:46
09/11/12

A Débeda

Un dos alicerces básicos do denominado “Estado do Benestar” son os impostos. Imposto sobre a renda, do valor engadido, sobre beneficios, taxas, permisos. O que o estado fai que os seus cidadáns e empresas paguen polo feito simple de vivir nun país e baixo as súas leis tributarias coñecese como “Presión fiscal”. Tratase da media do total do que se gaña coa que se queda o estado para, supostamente, dar sanidade, educación, construír estradas, edificios e dotar de servizos o país e os seus cidadáns. O “contrato”, para entendernos, afirma que os cidadáns pagan eses impostos para gozar dos coidados e a atención do estado (aínda que xa sabemos que non é nin nunca foi esa a intención dos gobernos, verdade?)

O asunto da Presión fiscal hoxe ben o caso de algo que explicarei o final pero que vale a pena encadrar en termos especialmente rigorosos. España é, con enorme diferenza sobre os demais, o país onde máis aumentou este indicador nos últimos 35 anos. No ano 75 un Español sufría unha presión fiscal do 18.4%, e dicir de cada 100 pesetas da época pouco mais de 18 eran para o goberno.
A cambio disto o cidadán recibía mais ben pouco.

Salvo que un residirá nunha cidade do tamaño mínimo dunha capital de provincia o máis probable era que non contase con sanidade algunha (salvo o consultorio rural habitual, de pago claro). Nada de coberturas sociais máis aló do Montepío que garantían as Caixas de Aforros a modo de sistema público de pensións. A escola pública no 75 si existía e se facía algunha estrada pero todos sabemos como estaban as cousas. Iso si, un veciño emprendedor e con sorte que montara un negocio podía vivir del a pesares dos escasos negocios que podía realizar nun lugar coma este onde vivimos porque o estado só se quedaba con 18 de cada 100 pesetas que gañaba.

2012. A OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico) cifra nun 39,9% a presión fiscal que soporta un español destes días. De cada 100 euros que gaña o paisano, case 40 son para o estado. E a cambio? Bueno, a cousa mellorou. Sanidade e Educación publicas, estradas, autoestradas, servizos en múltiples materias, asistencia social e mesmo durante un tempo atención a dependentes. Isto e outras moitas cousas, si, pero sen necesidade de pararse moito a pensar como é posible que no ano 95, pagando case 8 euros menos por todos estes servizos, toda a estrutura do estado do benestar estivera plenamente garantida é agora non?, que provoca que non se escoite outra cousa que falar de privatizar a sanidade, privatizar a educación ou de plans de pensións privados para garantir o retiro de aqueles que traballaron (e cotizaron) nos últimos 30 ou 40 anos?. Por que?

Comparar en economía sempre é positivo (mal que lle pese a alguns) porque aínda que España e Suíza non teñen nada que ver (nin xeográfica, nin económica nin socialmente) resulta interesante ver como funcionan outros lugares. E, ademais, vou poñer un exemplo ben interesante o final.

Suecia. Nove millóns e medio de habitantes. Cada un soporta unha presión fiscal de récord (mundial) que supera os 54 euros de cada 100. Nada menos. A cambio, simplemente, non paga nada que teña que ver co estado. Nada. Nin os aparcadoiros públicos. Os mercados centrais de abastos son do estado e as tendas dos mercados as xestionan funcionarios. Pensión, sanidade e educación da máis alta calidade (segundo o informe PISA) totalmente gratuita. Pero ollo, non nos confundamos. Os pobres dos suecos non quedan a fin de mes con migallas para comer, durmir ou saír de marcha. Para nada. A renda media supera os 2.400 euros/mes por habitante. A media.

Dinamarca. Cinco millóns e medio de habitantes (os segundos da lista). Aquí pouco menos se paga, 48,8 euros de cada 100, pero a idade media de xubilación son os 63 anos (curiosamente a mesma que España). Os daneses ostenta un récord significativo para os que acreditan na reforma laboral do goberno Rajoy. O salario mínimo máis alto do mundo se paga en Dinamarca e chega os 2.000€ o mes. Tal vez teña algo que ver con que o 75% dos traballadores do país estea afiliado a algún sindicato.

Si, xa sei. Países nórdicos, escasamente habitados, con materias primas (carbón, ferro, petróleo) e economías agrícolas ultramodernas e super-efectivas. Xa. E que?. A dúbida non pode ser si é acertada a comparanza, a dúbida é, por que nos non podemos facer o mesmo?

New Hampshire. Estados Unidos. Poboación: Un millón trescentos mil habitantes. Estado do nordeste do país, dedicado principalmente a agricultura (leite, froiteiras, gando e avícolas) e cunha renda media por habitante de algo mais de 3.000 dólares o mes. Agora ven o mellor.
O estado non aplica de forma xeral ningún imposto sobre as vendas nin impostos persoais sobre a renda. Nada. Si están gravadas cun 5 por cento ás rendas obtidas por intereses e dividendos bolsistas ou bancarios. Os demais non pagan. Hai educación gratuíta?. Si, ata as ensinanzas medias. Sanidade?. Non, privada, como no resto do país. Igualmente as pensións as deben soster os propios traballadores ou directamente ou por medio de plans dotados polas empresas pero en 2003 o PIB de New Hampshire foi de 49.000 millóns de dólares e en crecemento. Ducias de empresas de todo o país acoden ó lugar a instalarse porque non teñen que pagar impostos. De onde sacan os cartos? Mellor deberíamos dicir en que non os gastan. Non os gastan en políticos. O Goberno o forman o Gobernador e un consello consultivo de 5 membros. Nada máis.
A cámara de representantes é moi numerosa. 400 membros. Iso si, cobran 100 dólares máis desprazamentos e a maioría están retirados, e dicir, son delegados nominais case sen custos.

Galicia, só Galicia, gastou o ano pasado 4 millóns e medio de euros só nos soldos dos señores deputados autonómicos. Non conto desprazamentos e gastos (“dietas” disque) comisións, presidencias, etc, nin outros extras por servizos especiais de calquera natureza. Así, por 17 comunidades, mais un Senado e un congreso, mais 45 deputacións provinciais, dous cabildos, os órganos únicos das cidades autónomas, e un numero indeterminado de concelleiros e alcaldes con soldo a conta do estado.

Eu non fixen a conta e por aí circulan un numero enorme de cifras as que don relativa credibilidade. E ollo o parche porque non digo que debamos de prescindir de pagar os nosos políticos. Digo que 5.000 euros o mes por un acta de deputado neste país que conta cun salario mínimo que supera por pouco os 700 euros me parece directamente unha ultraxe. Eue alguén cobre tantísimo por non facer nada en absoluto nun país camino dos 6 millons de parados é un insulto.

Nisto é non que non gastan os cidadáns de New Hampshire. En políticos de partido inútiles e excesivamente pagados. Os Suecos, os Daneses e mesmo os Finlandeses que deixan 47 de cada 100 euros que gañan en impostos pagan os seus políticos bastante menos que nos. Os Suecos, por exemplo pasan por ser dos mais austeros.

Unicamente unha cámara parlamentaria unicameral, 349 deputados que, aínda que reciben salarios de case 7.000 euros o mes, non se benefician de dietas nin complementos de ningún tipo. Tampouco teñen opción de contratar persoal de confianza e, se son residentes fora da capital o parlamento pon a súa disposición un piso de 40 metros cadrados, unicamente si viven a mais de 50 kilometros de Estocolmo. Aquí, no país do tío Gilito, pagamos un “complemento” de 1800 euros libres de impostos a cada deputado censado fora de Madrid teña este ou non casa na capital (como o Ministro de Facenda, sen ir mis lonxe). E os demais, os que se presentaron pola comunidade de Madrid (porque non lles quedou outra, que algún ten que haber) para que non teñan envexa reciben 870 euros.

Pagamos infinitamente mais do que debemos. Pagamos sen xeito nin medida e sen que eses cartos se dediquen, nin de lonxe, a aquilo que sustenta o “estado do benestar”. Así que, a estas alturas, a pregunta é ben clara. Seguro que un autónomo, asalariado ou obreiro que non gañe moito mais de 23.000€ o ano é un defraudador cando decide aforrar en pagar impostos enganando dalgún xeito a administración?.Seguro?

Unha última pinga para rematar. O Sindicato de Técnicos de Facenda considera que o “reparto do fraude” en España non reflicte as prioridades do goberno a hora de investigar o fraude fiscal. Para este sindicato, o 72% do defraudado foi responsabilidade das grandes empresas (máis de 3 millóns de euros o ano) e das grandes fortunas. As PYMES serian culpables do 17% do fraude mentres os autónomos enganarían ao fisco o 9% do total do non declarado en España. Pero, aínda sabendo todo isto, o goberno lexisla para investigar mais a cidadáns (responsables dun pírrico 2% do defraudado) e os autónomos.

Insisto. Un cidadán, autónomo ou traballador asalariado que defrauda a Facenda, hoxe, para min, é un heroe, un revolucionario. O Deportivo da Coruña, Telefónica ou o propietario do Banco Santander non.

* Fonte dos datos referidos:
- Informe OCDE Revenue Statistics 1965-2008 ampliado.
- U.S. Bureau of Economy Analysis. (Departamento de comercio dos EE.UU)

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

Comentarios