Ánimo para Cristina e adeus ao prezado irmán Carbajal
21:03 02/11/10
Dona Diáspora estivo en dous funerais no Río da Prata. Tiña todo preparado para achegarse ata Montevideo cando recibe a nova do falecemento do ex presidente arxentino Kirchner. Así foi que lle pediu a Graciela Pereira que a acompañase ata a praza de Maio. A nosa neta ía repetindo que o golpe recibido ten que servir para fortalecer a unidade por enriba de calquera liña política. No medio das bandeiras azuis e brancas sentíase a dor de milleiros de cidadáns que despedían ao ex mandatario cun sinxelo: Graciñas, Néstor. A praza era un fervideiro de xente e sobre todo dunha irmandade que trasmitía apoio e esperanza á viúva presidenta.
Máis aló das ideoloxías os galegos queren que axiña se recupere a noutrora puxante República Arxentina. A todos nós dóenos no noso lombo calquera problema deles porque se a Arxentina vai ben, tamén así lles irá aos nosos familiares alí residentes. Se fóra de Galicia é o lugar con máis corazóns galegos haberá que concluír que logo do presidente da Xunta é mandataria arxentina a persoa que más inflúe na vida diaria dos nosos emigrantes. As estatísticas din que máis de medio millón de arxentinos teñen orixe galega. Cada unha destas persoas vota en liberdade por un ou outro partido político pero hai que ser respectuoso con quen gana xa que é o lexítimo representante da maioritaria vontade popular.
A señora presidenta está sendo moi criticada nos medios europeos que amosan un indisimulado machismo facendo coma se só se preocupase da cor dos zapatos que lle van mellor con aquel “tapado” marrón escuro. Non é así. Os que a coñecen afirman que foi ela a que tomou as decisións máis trascendentes desque se namorou de Néstor nos tempos do ensino secundario. Se miramos para as nosas lareiras galegas coincidiremos en que a muller foi a que sostivo a economía familiar do mesmo xeito que Cristina empurrou polo seu home. A señora presidenta necesita da solidariedade da comunidade galega para evitar a toda costa que haxa inestabilidade e interinidade no país. Logo, no vindeiro ano as urnas han decidir quen gaña e quen perde pero agora os patriotas deberán de arroupar á viúva para que remate a lexislatura sen ameazas desestabilizadoras.
Despois da breve estadía porteña dona Diáspora colleu un billete en “Buquebus” para desprazarse ata territorio uruguaio. A viaxe por auga e terra é a que mellor lle viña para poder deterse en Juan Lacaze para despedirse de José Carbajal “El Sabalero”. O poeta e cantor falecía nun balneiro do departamento de Canelones o xoves 21 de outubro. No ómnibus vai cantando en voz moi baixiña: “Pantalón cortito, bolsita de los recuerdos... pantalón cortito, con un sólo tirador.” Aínda que non ten ganas de cantar faino en homenaxe ao seu vello amigo Carbajal que era un home que exportaba toneladas de alegría e de vitalidade. Os seus fermosos e auténticos versos comezaron sendo a expresión da morriña que sentía ao instalarse na capital uruguaia. Aquela morriña coloniense sempre o acompañou e foi o seu sinal de identidade.
A pena que asulaga a dona Diaspora é porque o novo Uruguai do presidente Mujica queda orfo dun exemplo de honradez profesional que formou a milleiros de escolares no coñecemento das músicas propias. Agora no país non hai rapaza nin rapaz que non saiba o que é unha “chamarrita”. O cantor de Puerto Sauce foi un home excepcional que levou polo mundo adiante as súas fermosas composicións nas que estaba sempre presente a infancia dun neno que falaba cos seus compañeiros “sábalos” [un peixe de río] na beiriña coloniense do Río da Prata. Cando se fala de Carbajal veñen á memoria as súas tres cancións máis coñecidas: “Chiquillada”, “La Sencillita” e “A mi gente”.
O acto na praza “Chiquillada” de Juan Lacaze ---a vila na que traballou de anoador nun obradoiro téxtil--- foi unha marabillosa demostración do agarimo dos seus veciños arredor dos familiares que viaxaron desde Holanda. Unha multitude foi camiñando paseniñamente ata o río polos mesmos vieiros que percorrera na infancia. Alí esparexeron as cinzas nas augas amigas e todos observaron que na superficie na auga se ían formando as palabras de ducias de cancións que os sábalos interpretaban envoltos nunha máxica escuma. Máis abaixo e perto dunhas laxes branquiñas o seu vello amigo don Sábalo estaba reflexionando sobre a fugacidade da vida: “Una pena, che, que nuestro amigo no venga más por acá. Además de escribir buenas canciones era respetuoso con el medio ambiente ya que nunca tiró al agua nada que ensuciase ni siquiera una cáscara de naranja o de tanjarina”.
A despedida rematou en Montevideo o luns 1º de novembro. Aló foi dona Diáspora para non perderse a celebración no Velódromo Municipal. Foi camiñando desde avenida Italia comendo un saboroso “choripán” e pensando en que escoitar as cancións de Carbajal quizais sexa a mellor forma de despedilo. Non cabía un alfinete nas instalacións deportivas que utilizan os ciclistas para os seus adestramentos. Quixo sumar a súa voz á dos milleiros de persoas que dicían: Graciñas, Sabalero. As pantallas xigantes proxectaban gravacións dos seus concertos e a súa voz entraba docemente nos corazóns dos nobres uruguaios que se ían pouco a pouco transformando en xeitosos sábalos que esvaraban entre as nubes azuis e brancas da bandeira da República Oriental do Uruguai.
- Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)
Colaboracións anteriores dende Lonxe de Montevideo
- Galicia fíxose na diáspora.
- Un recordo para Andrés Pazos e unha aperta para Carlos Penelas.
- Dous herdeiros riopratenses: Noemí Rial e Jorge Muíño.
- Unha boa homenaxe aos emigrantes no Uruguai.
- Apertas galeguistas para don Manuel Cordeiro Monteagudo.
- As alegrías e as penas de dona Diáspora.
- Carlos López García-Picos, egrexio compositor betanceiro.
- Un tango para Rosalía de Castro.
- Forza Uruguai!.
- No “Derby” con Roxelio de Cesantes.
- Dona Diáspora quere máis retorno.
- Os grelos de Gladys.
- Os espazos emigrantes de dona Diáspora.
- As empanadas montevideanas de dona Valentina.
- Un baúl da Arxentina.
- A tolemia do voto emigrante.
- A singradura emigrante.
- O ingreso de Andrés Pazos na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- A xenerosidade de don Marcelino de Alqueidón.
- Un adeus moi garimoso para Andrés Pazos Pérez .
- A necesaria unidade dos centros galegos en terras americanas.
- As mans de María.
- Unha sesión especial na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- A miña noraboa para un país de primeira: Uruguai.
- O molete de Baio e os cruasáns de Malvín.
- Na Asemblea Celestial Riopratense queren que Pepe Mujica sexa o novo presidente do Uruguai .
- As miñas media ducia de razóns para non votar aos BLANCOLORADOS nas eleccións uruguaias.
- Forza Pepe! [O 25 de outubro hai eleccións presidenciais no Uruguai].
- Pérez Prado na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- Un adeus fondamente galego para Antonio Pérez Prado.
- O centenario de Tacholas na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- Debate sobre Gondomar na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- A miña noraboa para Castelao Bragaña.
- A biografía dun poeta emigrado.
- Hai moita preocupación na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- Cando Cheíto de Romarís foi para Delémont.
- A sesión do 17 de maio na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- Chegou o momento da UNIDADE aos fogares sociais galegos na diáspora.
- Chegou o momento do Espazo Emigrante no monte Gaiás.
- Na Asemblea Celestial Riopratense da Emigración Galega HAI DEBATE postelectoral.
- O debate entre Abraira e Sánchez na Asemblea Celestial Riopratense da Emigración Galega .
- Balbina, unha centenaria de Rebordelo.
- Debate sobre o voto exterior na Asemblea Celestial da Emigración Galega no Río da Prata .
- Necesitamos axentes electorais con experiencia [Absterse os que teñan ética profesional].
- Unha conversa na pizzería montevideana “Subte”.
- A Costa tamén vota dende Lonxe de Montevideo.
- ¿Querés que te haga un churrasquito, Manolito?.
- A familia Penedos de Pasarela.
- Dona Dionisia de Cedeira e as vindeiras eleccións autonómicas.
- O neno do lobo en Montevideo (II): Na esquina de Propios e Carabelas.
- O neno do lobo en Montevideo (I): "Na esquina de Pantaléon Artigas e Ipiranga".
- Unha boa vacina contra do peronismo.
- ¿Querés un mate, gayego? Tomá mate, che que en el Rio de la Plata no se estila el chocolate.
- O fotógrafo preferido de Carlos Gardel.
- A güeya dun gaucho de Ribadeo.
- Os charrúas do Uruguai e as charrúas de Allariz.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Un atípico emigrante da Laracha en Montevideo.
- Os nosos herdeiros riopratenses.
- A democracia dun capador bergantiñán en Montevideo.
- Un emigrante de Fisterra.
- Os emigrantes dicimos NON aos que queren pechar as portas.
- Entre Barcelona e Montevideo, díptico emigrante.
- De Barallobre a Bos Aires .