sábado. 03.05.2025
El tiempo
07:40
21/11/12

As cartas do avó Pascasio: En busca dos millóns perdidos

As cartas do avó Pascasio: En busca dos millóns perdidos

Moi querida neta Cristina:

Antes de pasar a informarche do sucedido na "Comisión de Seguimento" da intervención do Centro Galego de Bos Aires, teño que contarche que na reunión festiva dos venres pola noite no Recuncho Gayego escoitamos emocionados ao vello compañeiro Pedro Penelas. Sorprendeunos coa lectura duns poemas do seu neto Carlos incluídos na súa Poesía Reunida, a súa máis recente antoloxía. Ao terminar de ler os versos dos trasterrados non puido conter unhas bágoas de agradecemento ao neto porteño da rúa Viamonte que nunca coñeceu.

Bo, agora pasamos ao asunto do Centro Galego que nos ten moi nerviosos e preocupados. Para os avós galegos é moi doloroso o comprobar o fracaso dos nosos herdeiros. Se cadra temos tamén a nosa parte de culpa. Refírome aos mimos e a darlles sempre a "papita rica" sen educalos en gañarse o pan coa suor da súa fronte. Temos a escusa perfecta xa que son os pais os que deben de guialos. Nós somos simplemente un apoio sentimental, pero sinceramente dígoche que algo fixemos mal.

É evidente que non fomos capaces de transmitir o espírito solidario da nosa terra. Sufrimos ao constatar, alarmados, que a obra máis importante dos galegos na Arxentina escápaselle das mans aos nosos descendentes coma se fose fina area. Estoulle buscando unha explicación que me aplaque un pouco a calentura que teño. Entenderás, Cristina, que a nivel persoal estou máis que orgulloso de vos pero gran cantidade dos meus compañeiros están amargados ao ver que a familia lavouse as mans no canto de meterse a fondo para salvar o que é seu.

Pero a miña opinión pouco importa. Nunca fun directivo do Centro Galego e falo un pouco de oído. Por iso creo que o máis produtivo é que che resuma a intervención do meu bo amigo pontevedrés Álvaro de Tomiño. Foi presidente do Centro Galego e sabe do que fala. Comezou facendo constar a súa desolación persoal ao ver que é o INAES o que paga os soldos dos traballadores da institución. É a primeira vez que ocorre. En máis dun século sempre saíron das arcas sociais os recursos necesarios para pagar os salarios. O bo de Álvaro asegurou que a puxanza do Centro Galego dependía da súa autonomía financeira ao non deber nada nin as autoridades municipais nin ás nacionais.

Fun moi sincero ao recoñecer: "Eu tamén me equivoquei cando puxen guita propia para pagar débedas da institución". Todos os presentes na reunión sorprendéronse ao oír a auto-crítica do ex presidente. Para evitar dúbidas, remarcou que recentemente agora se dá conta da súa incorrecta actuación. No seu momento pensou que era o máis adecuado para evitar o pago de intereses. No canto de ir a un banco o que fixo foi meter a man no peto. Se cadra ten razón en considerar que se equivocou porque a súa xenerosidade xerou un efecto de tipo narcotizante sobre sucesivas directivas que cando se viron en apertos non meteron a man ao peto. Atoparon a solución máxica na axuda da Xunta de Galicia.

No canto de mirar cara a dentro do Centro Galego para corrixir o desfasamento buscouse a solución fóra mediante un convenio de merda que entregaba a xestión da entidade a cambio dunhas cantidades de diñeiro. O peor de todo, querida neta, é que os euro-pesos non entraban na caixa do Centro Galego. Nas fotos saían os membros da Xunta Directiva pero non eran eles os que tiñan o mango. Os millóns que viñeron de Galicia se esfumaron en pagar altos salarios a unha cantidade de empregados que non achegaron nada á mellora do servizo de asistencia sanitaria.

Bueno, Cristina, xa termino co que dixo Álvaro porque estou abusando do teu tempo. Explicounos que o desastre actual vén da cagada de asinar un convenio que naceu viciado. Ao seu entender o que se perseguía era unha especie de privatización blindada, é dicir, a cuberto dos avatares normais da vida empresarial. Gañaba algo o Centro Galego? Na súa opinión, nada e perdeu moito porque a Fundación creada foi un cancro que envenenó as células societarias. O diñeiro de Galicia non se utilizou para comprar nin un tarro de pintura nin unha caixa de gasas.

Recibide un forte abrazo do vello galego que non che esquece.

  • Pascasio Fernández Gómez.


  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios