Venres. 20.09.2024
El tiempo
11:38
14/11/14

As contas de 2013

As contas de 2013

O desenvolvemento da xestión económica municipal, de acordo co presuposto aprobado, é unha das atribucións dos alcaldes. Esta responsabilidade esixe render contas ante o órgano de control externo competente na materia (Consello de Contas de Galicia), para que proceda a súa fiscalización.

Porque render contas é inescusable e convinte. Primeiro, porque se trata dunha práctica elemental de actuación democrática. Segundo, porque é básico para dar cumprimento ao principio de transparencia política. Terceiro, porque constitúe unha obriga legal para quen xestiona recursos públicos. E, por último, a rendición de contas é necesaria, tamén, para que os interesados poidan coñecer, entre outros aspectos, o nivel de endebedamento, a capacidade financeira, o remanente de tesourería e, como non, o grao de cumprimento dos compromisos asumidos no programa electoral do candidato elixido alcalde.

Agora que estamos a mediados de novembro, e que xa transcorreu un mes dende o remate do prazo legal para render contas (15 de outubro de 2014), dispoñemos de información sobre o comportamento dos nosos concellos.

Rendicion Contas Concellos Costa da Morte-Fonte-Domingo Guerra

Observamos como practicamente todos cumpriron co seu deber, pero os concellos de Carballo e Santa Comba remitiron as contas fóra de prazo; e os concellos de Fisterra e Muros vulneraron esta fundamental obrigación.

Sabemos que a institución responsable de requirir, de forma cominatoria, o envío da conta xeral aos concellos que non cumpriron con este mandato legal é o Consello de Contas. Organismo que, de persistir a situación, será quen decida impoñer multas coercitivas, sen prexuízo doutras actuacións que considere precisas, ata conseguir a rendición.

Pero, tamén nós como cidadáns temos responsabilidade. E, por iso, debemos esixir aos alcaldes que non cumpriron co prazo máis dilixencia. Pois, cando excedemos o período de pago de impostos, enseguida se nos reclama pola vía de constrinximento que cumpramos coas nosas obrigacións tributarias. Así mesmo, no caso dos alcaldes que non renderon, a crítica e contundencia debe ser proporcional ao seu incumprimento, esixindo máis transparencia e respecto, porque a rendición de contas públicas constitúe un deber democrático indispensable e, precisamente por iso, debe ser reclamado de maneira enérxica, por todos.

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios