Sábado. 20.04.2024
El tiempo
10:16
09/03/12

Calma chicha

Despois de ler, observar e valorar creo que estón en disposición de apuntar algunha reposta a unha pregunta que estes días se fai moita xente pero que ten difícil explicación, a saber; Por que non estamos a sangue e lume na rúa tendo en conta as condicions nas que se atopa o país?. Boa pregunta. Como é posible que con 5.273.600 parados a estructura básica do país se manteña incorruptible? A situación non dá para moita explicación, a verdade. A taxa de paro ascende ao 22,85% e se aproxima a aquela dos peores anos do goberno de Felipe González, aquela do “Vayase señor Gonzalez” do patético Aznar dos anos 90. Daquela o paro alcanzou a cifra marca do 24,55%. Era 1994. E, aínda que teña truco, a cousa non estaba para demasiadas coñas. O certo é que naqueles anos a poboación española era bastante máis pequena que agora e para máis inri, o método de cálculo era totalmente diferente. Segundo a análise do Banco de España, se o paro de aquel ano se calculase cos criterios actuais equivalería ao 18,2%, o que nos sitúa diante dun escenario ben distinto o actual (recordade, 22,85%). Na actualidade, nembargantes, a cifra xurde dunha serie de sofisticados cálculos de pura enxeñería estatística e aínda así superan os 5 millons de parados. Polo tanto, nun país no que unha de cada catro persoas non ten emprego debería existir xa, hoxe mesmo, unha crispación social dun nivel tal que colocase en situacións comprometidas a diario a calquera Goberno (e a un de dereitas máis aínda, coñecida como é a súa tendencia ó exceso no uso da forza pública). Nembargantes, a sensación de calma é máxima. Por que?, Que é o que sucede? Por que una situación tan dramática non motiva a milleiros, a millóns, a sair á rúa a queimar contedores e a exisir solucións? Hai pululando pola rede toda clase de opinións pero eu coincido cos que pensan que existen tres claros eixos que promoven, auspician e apalancan a poboación a modo de barreira entre a realidade e a imaxinaria estabilidade na que nos desenvolvemos nun escenario pouco menos que de pre-guerra. E non exasero o máis mínimo. O papel da familia é primordial. Milleiros de mozos abandonaron ás súas familias entre 2000 e 2007. Deixaron estudos e preparación a cambio de soldos máis ou menos bos na construcción e en sectores relacionados con esta onde facía falla unha man de obra disposta e sen demasiada preparación ou experiencia. Algúns optaron por compartir residencia con amigos ou veciños na diáspora interna (Canarias, Cataluña..), outros casaron e quixeron desenvolver un núcleo familiar propio, con fillos e casa en propiedade (hipotecada) co resultado xa coñecido. A contracción do mercado laboral obrigou á maioría a volver a casa dos seus pais, onde están agora vivindo do soldo paterno, da pensión ou, no peor dos casos, de nada. Cáritas vén de dar conta de que en territorio nacional máis de 580.000 familias non perciben ingreso ningún, nin propio nin do estado. A economía sumerxida é outro punto de apoio primordial no actual ficticio estado de calma pública. Segundo un estudo da Fundación das Caixas de Aforros (Funcas) a economía sumerxida representa o 21,5% del PIB. En termos de emprego estimase que entre os anos 2006 e 2008 a economía sumerxida podería ter xestionado 4 millóns de empregos. 4 millóns. Cada vez é máis frecuente xente en suposta situación de desemprego que realiza todo tipo de chanchas e traballos en B. Non so alcaldes (chiste fácil) Isto é unha fraude pero, como tantas, non merece rexeitamento algún por parte dos “pardillos” de turno que, entre outras cousas, pagamos o subsidio de algúns que, rematada a súa prestación, seguen percibindo os famosos 400 euros. O recordo porque vale a pena lembralo de cando en vez. Ter traballo, igual que ter vivenda é un dereito constitucional. Pero aínda queda una causa máis deste falso escenario de calma e tranquilidade que nos acompaña. Os cartos, coma sempre, da diáspora. Os emigrantes españois retornados a España achegaron á economía nacional perto de 40 millóns de euros o pasado ano, ollo, só coas pensións que percibiron dos países nos que residiron, segundo un estudo do Observatorio Permanente da Emigración Española (OPERE) difundido pola Federación Española de Asociacións de Emigrantes Retornados (FEAER). O estudo realizouse sobre once asociacións federadas de cinco comunidades autónomas para o período comprendido entre os meses de marzo e decembro de 2011, cando os afiliados a estas entidades percibiron algo máis de 32,7 millóns de euros. FEAER extrapola o dato a todo o ano e conclúe que se achegaron preto dos 40 millóns, só entre estas persoas e uns 70 millóns de euros si temos en conta a tódolos emigrantes retornados o país que cobraban en 2011 unha prestación procedente do país que abandonaran. En resumo, sen as familias, sen a economía sumerxida e sen os cartos da emigración a unha Europa onde van pouco a pouco triunfando os “minijobs” o país seria, xa hoxe en día, un fervedeiro de protestas, bronca na rúa e destrucción da propiedade publica e privada, alentado e controlado a golpe de porra e gas lacrimoxeno pola policía de turno, a do goberno, a que pega a nenos e nenas porque se sentan na estrada e “colapsan o trafico”. Agora ben. Si o pánfilo e a “Ministra del Movimiento” pensan que isto vai durar para sempre… van aviados. O carto sumerxido finará porque tamén remata cando non se repón, as familias e as pensións non duran para sempre porque cando morre o avó, remata o carto, e os emigrantes en Alemaña xa non gañan máis que aquí… agora gañan 400 euros por 5 horas de xornada. Iso si, polo menos alí son 5 horas… e as extras as pagan a parte.
  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Comentarios