Venres. 26.04.2024
El tiempo
13:43
28/06/13

O ascenso, a celebración ideal do cincuentenario do C.D. Baio

O ascenso, a celebración ideal do cincuentenario do C.D. Baio
A afeccion do Baio vibrou co ascenso-Foto-Santi Diaz

"A Copa do Mundo é nossa, com os brasileiros não há, não há quem possa; e este esquadrão de ouro, é bom no samba, é bom no couro". Así abría o lembrado músico brasileiro Vinicius de Moraes o seu concerto en La Fusa de Mar del Plata (1971), agradecéndolles con retranca ós arxentinos que por unha vez torcesen con eles por Brasil. Pois así nos sentimos tamén, como se gañásemos a Copa do Mundo, algúns torcedores do Baio o pasado domingo en Ribeira, cando o árbitro asubiou o final do partido, que significaba o ascenso á Primeira Autonómica.

Quen subscribe tamén participou na celebración, pois, como lles comentaba outros antigos xogadores máis próximos á miña quinta, xa que como futbolista nunca puido celebrar un triunfo importante, polo menos esta algareira celebración serviulle de pequeno desquite.

Quizais a alguén lle estrañe que un nativo de Vimianzo volva polo Baio, que pertence a Zas. Caprichos da xeografía, das zonas fronteirizas, pois a miña parroquia de Bamiro entesta coa de Baio polo norte, e o pequeno núcleo urbano da Piroga confúndese co baiés. O río (do Porto) separa e a ponte (de Baio) une. De todos é sabido que o Campo da Feira chamada de Baio está na Piroga. Máis aínda: o Balsiño, o campo onde o equipo baiés xogou durante máis de corenta anos, aínda que propiedade dunha señora baiesa, estaba en territorio vimiancés. En todas as etapas da xa longa historia do Baio houbo xogadores de bamireses: Tonecho, Carpiño, Cheíto, Javier Espasandín, Pastoriza.... E, agora mesmo, Christian e Guillermo.

A importancia da afección

O propio Xose Maria Lema e o ex xogador Santiago Diaz fotografiados por Santi Diaz fillo

Xa o salientaba La Voz: "boa parte do triunfo no ribeirán Campo da Fieitera II débeselle á afección baiesa", que se desprazou en dous autobuses e non parou de animar con cantareas acompañadas de gaita, tambor e bombo. Volveu soar como nunca aquel clásico «¡Alabí, alabá... Baio, Baio, e ninguén máis!» que nacera hai máis de cincuenta anos. Un, incrédulo en tantas cousas, nunca viu tan clara a importancia psicolóxica do apoio constante dos seareiros, sobre todo na moi crítica primeira media hora do segundo tempo, cando os xogadores eran incapaces de chegaren á metade do campo co balón controlado. Se os afeccionados decaesen nos cánticos e ánimos, estou seguro que os xogadores baixarían os brazos. Non foi así, e os oportunos cambios do adestrador deron resultado, e no cuarto de hora final o equipo repúxose.

A tarxeta de identidade de José Mª Lema, o 2º presidente do CD Baio

Un éxito da directiva ata agora presidida por Diego Díaz, que deixa o cargo nas mans do que ata agora fora o secretario: Xosé María Rei Lema. Un lingüista na presidencia do club decano da Liga da Costa. ¡E vaia casualidade: resulta que tamén é de Bamiro, o mesmo que o vicepresidente, Manuel Mouzo! E un ben que se alegra, pois Chema herda o cargo que, case corenta anos despois, deixara o seu avó e padriño, José María Lema de La Iglesia, que exercera a presidencia do Baio durante nove anos (de 1964-65 a 1973-74), naqueles primeiros duros anos de ferro. Fora el o creador do farol vermello que segue campando con orgullo na insignia. Disque o farol alumeaba coma un vagalume na máxica noite de San Xoán, uníndose á festa rachada que seica houbo na vila baiesa ata a madrugada.

Nestes momentos de ledicia, unha lembranza tamén para quen estivo, xunto con seu pai, nos anos da fundación do club: o avogado baiés Antonio Platas Tasende, que leva días ingresado no CHUS compostelán en situación moi crítica.

Lema Suarez con Diego Diaz actual presidente e Chema Rei Lema o seu sucesor-Foto- JA Peris

Máis información

Novas relacionadas

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

Comentarios