O libro 'Versus cianuro' é unha realidade viva
A lírica costeira ergueu a pluma contra o proxecto de Corcoesto e toda esa forza creativa materializouse no libro 'Versus cianuro'. Pódese describir como unha obra poética, colectiva, solidaria. Tamén se pode analizar coma un ser vivo, o cal nacía espallado en cada alma que se estremecía coas primeiras noticias sobre a mina, o cal percorre hoxe o País de recital en recital feito papel
No pasado verán aumentaba a socialización do conflito extractivista e a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños organizaba un recital de poesía, versos contrao cianuro, no Couto. No último ano, a Asociación Cultural Caldeirón de Malpica comezaba a recompilar poemas ilustres contra a ameaza mineira, e facía unha chamada a incrementar o material. Lucía Aldao, Lino Braxe, Rosalía Fernández Rial, Paco de Tano...
Finalmente Paco Souto reunía as colaboracións altruístas de 75 -setenta e cinco- poetas da Costa da Morte -e arredores- e nesta primavera saía do prelo o libro editado por Caldeirón con ilustracións de Nolo Suárez.
"Versus cianuro, poemas contra a mina de ouro de Corcoesto", presentouse ao público no Concerto a ceo aberto de Carballo e no III Enarborar o bosque de Santa Mariña fíxoo con lectura incluída dalgunhas persoas autoras presentes. Desde entón, continúa unha imparábel andaina de recitais, que pretenden ser un chanzo máis na loita para que o proxecto aurífero a ceo aberto non se leve a cabo.
Velaquí as próximas paradas confirmadas (os e as autoras alternan a súa asistencia aos recitais):
- 20/07/2013 ás 20:30 na Bou Eva (Vigo).
- 30/07/2013 ás 21:00 na Semana Cultural da Festa da Carballeira (Zas).
- 31/08/2013 no Festival da Poesía no Condado (Salvaterra de Miño).
Nestes recitais pódense conseguir exemplares do libro por 5 euros (gastos de edición e organización).
- Roberto Rouget ([email protected]).