Outro día máis sen razón de ser
10:00 25/11/10
“Pesa demasiado o corpo como para poder levantalo ao camiñar. As costas están cada vez máis acostumadas a recollerse fronte as súas palabras, e mirar ao fronte, supón un gran esforzo… ademais… seguramente alguén se daría conta…”
Cada día milleiros de mulleres experimentan sensacións semellantes a esta en tódalas partes do mundo. Unha situación que lonxe de ir mitigándose co paso do tempo, parece continuar o seu curso natural.
Os medios de comunicación, informan case a diario, de algún suceso relacionado coa “violencia de xénero” unha etiqueta creada para discriminar aos agresores masculinos, e identificar os riscos que experimentan as mulleres. Unha etiqueta, que supostamente nace con boa intención pero que, na práctica, presentase discriminatoria co xénero masculino e mesmo pode chegar a ser unha arma de dobre fío.
A “violencia de xénero” como se empeñan en chamarlle supón calquera agresión, física ou psicolóxica que un home lle fai a unha muller, principalmente en base a principios machistas. Baixo esta premisa, estanse a levar a cabo grandes campañas de divulgación para que as mulleres que se sintan ameazadas denuncien, e eviten posibles danos maiores. Pero qué pasa co maltrato psicolóxico e físico que en algúns casos (os menos) exercen as mulleres sobre os homes? ¿Iso non é violencia de xénero? Ou ¿É sempre en defensa propia?
Fraco favor nos fai unha sociedade evolucionada que nos crea categorías divisorias, que separa aínda máis ás mulleres e homes e que provoca que moitas mentes desapiadadas se aproveiten dunha condición sexista para sacar proveito de algunha situación.
Existe machismo, en tódolos ámbitos, e contra iso debe loitarse non só nas esferas políticas, senón nas institucionais, como o ámbito familiar ou a escola. Pero non toda a violencia exercida sobre as mulleres obedece a un instinto de superioridade masculina, senón máis ben, responde a unha actitude condenable como ser humano.
Se non queremos a discriminación, debemos comezar a mirar aos demais cos ollos de igual, entendendo que o delito non o comete un home, senón unha persoa, e que crear categorías que discriminan “positivamente” a muller, axudará a moitas persoas realmente necesitadas, pero tamén significará unha ferramenta perigosa en mans de seres sen escrúpulos que son capaces de utilizar a debilidade xudicial en función dos seus intereses máis perversos.
A violencia exercida entre persoas de distinto sexo que teñan algún tipo de relación, debería ser considerada violencia doméstica, por entender que o maltrato exercese polos dous lados, e non sempre por ser muller ou home, senón por ser persoa.
O 25 de novembro é o día internacional en contra da violencia de xénero. Un día para lembrar as vítimas dos malos tratos, unha xornada para que os políticos fagan un paréntese nas súas axendas e se saquen unha foto coa súa cara máis humana. Un día lamentable no século XXI, que ao meu xuízo debería desaparecer.
Son muller si, pero antes que todo son persoa!
- Susana Alvite (susanaalvite[arroba]quepasanacosta.gal).
Soliloquios anteriores
- Non é sen tempo.
- Pensando nas Mulleres Traballadoras.
- Amodiño e con boa letra (por favor).
- As deficiencias da Costa en materia de comunicación.
Novas relacionadas
- 25N: A Costa da Morte abre os ollos contra a Violencia de Xénero.
- Máis de 100 empresarios do sector turístico aprenden a venderse na rede con Abertal. Galinus e Hexis.
- O sector turístico aprende a pescar na rede.
- Os problemas dunha locutora de radio para desenvolverse profesionalmente con esta conexión.
- Galinus explica os seus produtos cun novo e simpático vídeo.
Fonte
- Redacción de QPC ( info@quepasancosta.com).